Deputación de Lugo

A Deputación apoia a V Xornada Técnica de ASOPORCEL para seguir impulsando e mellorando a produción de porco celta

ASOPORCEL
pazo de feiras
O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, subliñou na apertura do encontro que a institución comparte o enfoque co que a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta encara a súa actividade: “investigación, coñecemento, novas tecnoloxías e unha coidada presentación do produto, moi atractiva para o mercado”

Enmarcou a colaboración da Deputación no “compromiso prioritario” que mantén co apoio ao sector agrogandeiro, “como factor esencial para crear riqueza, emprego, para a ordenación do territorio, para fixar poboación no noso rural, e tamén para manter a nosa identidade cultural"

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este sábado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo na inauguración da V Xornada Técnica Monográfica do Porco Celta de Galicia, organizada pola Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (ASOPORCEL) coa colaboración da Deputación de Lugo. 

Francisco Cajoto felicitou á directiva pola organización desta iniciativa, froito da súa “aposta constante polo coñecemento, o estudo e a divulgación como xeito de avanzar na mellora da produción”. Unha “traxectoria excelente” que a Deputación valora dende o “compromiso prioritario” que mantén co apoio ao sector agrogandeiro, “como factor esencial para crear riqueza, emprego, para a ordenación do territorio, para fixar poboación no noso rural, e tamén para manter a nosa identidade cultural”.

A institución provincial, incidiu o Deputado, “comparte plenamente” o enfoque co que ASOPORCEL encara o desenvolvemento da súa actividade: “investigación, coñecemento, novas tecnoloxías e unha coidada presentación do produto, con sinais de identidade á vez tradicionais e moi atractivos para o mercado”.

A Xornada Monográfica do Porco Celta abordará nesta quinta edición temas como o rendemento económico das granxas, ou o presente e o futuro da razas porcinas minoritarias, “o que certifica que o noso sector primario está cheo de ideas para se modernizar e competir no mercado; para seguir aportando emprego e riqueza e para xerar liñas de produción que ofertan unha alternativa de futuro para mozos e mozas no rural”, subliñou Cajoto.

A Deputación colabora economicamente con ASOPORCEL cunha achega anual de 39.000€. Ademais, a institución provincial proxecta crear na Granxa Gayoso Castro unha liña de actividade de recría de porco celta.