Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo e o Consello de Contas de Galicia organizan un taller práctico sobre prevención e xestión de conflitos de interese no eido local

consello de contas de galicia
Concepción Campos Acuña, Doutora en Dereito e codirectora de Red Localis-Rede Local de Administración Pública, é a poñente principal das xornadas, que se celebrarán o día 12 de decembro, de 9.00 a 14.30h, no Salón de Actos, e que están orientadas a representantes institucionais e empregados públicos

A inscrición no taller, que responde ao máximo compromiso da institución provincial coa transparencia e o bo goberno, pode efectuarse a través do seguinte enlace: http://i.gal/tallerlugo

A Deputación de Lugo e o Consello de Contas de Galicia organizan para o vindeiro día 12 de decembro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos un taller práctico sobre prevención e xestión de conflitos de interese no ámbito local, con especial referencia aos fondos europeos, que está orientado tanto a representantes institucionais, como a empregados públicos.

Concepción Campos Acuña, Doutora en Dereito e codirectora de Red Localis-Rede Local de Administración Pública, é a poñente principal das xornadas, que se celebrarán de 9.00 a 14.30h. A inscrición pode efectuarse a través do seguinte enlace: http://i.gal/tallerlugo 

Os participantes recibirán un certificado de asistencia ao taller, que é froito dun protocolo de colaboración entre a institución provincial e o Consello de Contas de Galicia para a promoción de actuacións en materia de prevención de riscos da corrupción na Administración local. A iniciativa enmárcase no máximo compromiso da Deputación cun traballo continuo en favor da mellora da transparencia e o bo goberno da propia administración provincial, e do conxunto das entidades locais lucenses.

A xornada estrutúrase en dúas partes. A primeira consistirá na exposición dos principais aspectos regulamentarios que afectan á xestión dos conflitos de intereses, cun enfoque práctico e directo, centrado na realidade operativa e funcional das entidades locais. A ditos efectos, terase en conta, tanto o marco normativo estatal, como o autonómico, e as disposición específicas en relación co sistema de xestión do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), así como os aspectos de procedemento e xestión.

Na segunda parte, de tres horas de duración, traballarase en grupos de entre catro e cinco persoas para a identificación, delimitación e comprensión da figura do conflito de interese, a xestión dos riscos asociados, as claves para a súa detección e resolución dos eventuais conflitos que puideran formularse, e posta en común de conclusións para a aprendizaxe e implementación do procedemento de xestión. En particular, a metodoloxía aplicada levarase a cabo dende a transferencia de coñecemento sobre a base de resolucións de órganos de control e xurisprudencia, e abordaranse casos que permitan interiorizar os contidos a abordar, para a mellor consecución dos obxectivos do taller. 

Contidos
En concreto, os contidos a abordar son os seguintes: conflito de intereses na xestión pública local: concepto e tipoloxía; figuras afíns na lexislación: abstención e recusación e supostos de incompatibilidade no ámbito local; as especialidades do mundo local: a dualidade política/empregados públicos; medidas de transparencia e declaración de bens e intereses como medidas de prevención; a xestión dos conflitos de intereses como medida de prevención do fraude e a corrupción; o papel da Declaración de Ausencia de Conflitos de Intereses (DACI) como medida de continxencia do risco de fraude e corrupción; medidas para abordar a xestión dos conflitos de intereses: aspectos de procedemento e especialidades da contratación pública; e o conflito de intereses nos Plans de Medidas Antifraude para a xestión de fondos europeos.

Así mesmo, efectuarase unha presentación dos principais traballos efectuados dende a área de Corporacións Locais do Consello de Contas en materia de prevención do fraude e o fomento de marcos de integridade pública na xestión, nomeadamente o Informe de Avaliación dos Sistemas dos Fondos Next Generation da UE.

Unha das funcións previstas na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas é a relativa á prevención da corrupción e o fomento de marcos de integridade na xestión das organizacións públicas. Entre as competencias previstas na citada norma, contémplase a de “colaborar coas Administracións suxeitas ao ámbito de actuación do Consello de Contas e facerlles propostas na elaboración de códigos de conduta e manuais internos de xestión de riscos que permitan garantir o comportamento ético dos xestores públicos”. 

Nesta liña, desde a área de Corporacións Locais do Consello de Contas, ademais da realización de traballos de prevención específicos incluídos nos Plans de Traballo desde o exercicio 2022 —en relación coa xestión dos Fondos Next Generation EU e a avaliación do control interno e a xestión de riscos na área de contratación—, formúlase a realización de iniciativas formativas e de concienciación aos responsables políticos e xestores públicos en materia de prevención do fraude e o fomento de marcos de integridade pública na xestión. 

A estes efectos, o Consello de Contas asinou cinco protocolos de colaboración coa FEGAMP e as catro Deputacións Provinciais de Galicia para a promoción de actuacións en materia de prevención de riscos da corrupción na administración local de Galicia.