O Presidente subliña a capacidade da Deputación de Lugo para loitar “con feitos” polo futuro do rural, dotándoo de “máis servizos e actividade económica”
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2023-12/211223%20Conferencia%20Campo%20Vidal%20%281%29.jpg)
“Fronte ás declaracións baleiras de quen prometía lexislaturas do rural, na Deputación traballamos sempre polo rural, centrando os nosos esforzos en acercar os servizos públicos aos veciños e en fomentar a economía e o emprego, contando cos concellos, co tecido produtivo e coa Universidade. Estas, e non outras, son as claves”
A acción formativa Especialista en Territorio Rural Intelixente, a única desta temática que existe hoxe na oferta educativa, cubriu as 75 prazas dispoñibles e abordou materias como organización de proxectos, sustentabilidade, dixitalización ou comunicación, “deseñadas para ter un impacto práctico concreto sobre o terreo”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este xoves a conferencia A Esperanza de Recuperar a España Rural, que ofreceu no Salón de Actos o xornalista e doutor en Socioloxía Manuel Campo Vidal como colofón do curso Especialista en Territorio Rural Intelixente, promovido pola institución provincial para proporcionar aos axentes económicos e sociais da provincia máis coñecementos e ferramentas para dinamizar o territorio e fixar poboación.
José Tomé subliñou que con esta iniciativa a Deputación de Lugo volve a demostrar a súa capacidade para loitar “con feitos” polo futuro do rural, dotándoo de máis servizos e actividade económica. Desta forma, incidiu, “fronte ás declaracións baleiras de contido de quen prometía lexislaturas do rural, dende a Deputación de Lugo traballamos polo rural sempre. Centramos os nosos esforzos cada día en acercar os servizos públicos aos veciños e en fomentar a actividade económica e o emprego, contando cos concellos, co tecido produtivo e coa Universidade, porque estes, e non outros, son os factores esenciais para que a xente se quede a vivir nas aldeas, nos pobos e nas vilas: Servizos públicos e emprego”.
Froito dese compromiso é a organización do curso Especialista en Territorio Rural Intelixente, da cátedra sobre reto demográfico que preside Campo Vidal, ó único desta temática que existe na actualidade na oferta educativa.
A acción formativa cubriu as 75 prazas dispoñibles e abordou dende mediados de novembro materias como organización de proxectos, sustentabilidade, dixitalización ou comunicación, facilitando “o acceso de empregados públicos, axentes sociais e público en xeral a contidos e reflexións pensadas dende coñecemento e deseñadas para ter un impacto práctico concreto sobre o terreo”, explicou o Presidente da Deputación.
O mandatario provincial agradeceu a Campo Vidal o seu interese “polo desenvolvemento do rural e o seu papel como altofalante desa España con menor densidade de poboación que non sempre chega ás noticias e, cando o fai, non chega co ton positivo que convén, tanto á súa realidade, como ás súas posibilidades”.
Este curso tivo unha duración de 20 horas, distribuídas na xornada presencial que impartiu esta tarde Manuel Campo Vidal na Deputación, e clases en liña. Contou con 9 bloques temáticos, entre eles, as claves da transformación dixital, o equilibrio territorial ou o turismo rural como factor de desenvolvemento.