O Presidente da Deputación enxalza o premio IdeaLugo porque contribúe a “reter e fomentar o talento” na provincia
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na entrega da novena edición dos premios IdeaLugo, que convoca El Progreso, en colaboración con Abanca e a USC a través do Campus de Lugo, demostrando así que “o sector privado e a Universidade pública poden colaborar dun xeito moi proveitoso para fomentar, reter e facer medrar o talento” na provincia.
José Tomé felicitou aos premiados, proxectos que xiran en torno ao benestar animal e á divulgación científica, “dous dos sinais de identidade do noso Campus, no que a facultade de Veterinaria ten un nivel de excelencia recoñecido internacionalmente”. O propio premio IdeaLugo, asegurou, “reivindica a importancia” do Campus como “motor social e económico” da provincia, “como vimos defendendo dende a Deputación de xeito moi claro e contundente, e co respaldo dun amplo movemento cívico, como puidemos comprobar estes días”.
Xunto á presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro; a directora territorial de Abanca Lugo, Zaira Dapena; e o Vicerreitor do Campus lucense, Francisco Fraga, o Presidente da Deputación subliñou que a provincia “está chea de ideas e oportunidades, que precisan do apoio das administracións públicas e tamén do propio tecido empresarial para que saian adiante”.
Neste sentido, asegurou que o apoio aos sectores produtivos “é unha das grandes liñas de traballo” que marcou á fronte da institución provincial, xunto cunha “aposta clara polas políticas sociais, polos servizos públicos”, porque son “as dúas claves para que poidamos poñerlle freo á caída demográfica e fixar poboación no noso rural”.
Tamén puxo en valor o papel do Grupo El Progreso, ao “dedicar moitos esforzos a descubrir, a recoñecer e a divulgar todo o que se produce na provincia de Lugo e todo o que os lucenses espallados polo mundo ofrecen á sociedade”.
Premiados
O proxecto gañador, que recibe 4.000€, é Good Weight, promovido por Héctor Campos e David Pérez, estudantes de Veterinaria, unha app orientada a combater a obesidade animal e a que os donos teñan o historial médico das súas mascotas no teléfono móbil. Tamén se entregou un accésit, dotado con 100€, ao proxecto XuvenLab, que ofrece un servizo de formación e kits educativos para facilitar a aprendizaxe, promovida pola enxeñeira forestal Helda Peral.