As mulleres reivindicarán a igualdade este 8M na Deputación a través da música, o humor e a palabra
Estas actividades súmanse ao ciclo de concertos de acceso libre e gratuíto Con voz de muller, que terán lugar todos os sábados de marzo e levarán a Zoelas a Antas de Ulla; Agoraphobia a Burela; Susana Seivane a Guitiriz e Cantar Delas á Fonsagrada
A institución tamén organizará un conxunto de actividades arredor do 8M nos nove Centros de Atención a Maiores da rede provincial, accións transversais nos que se involucrarán tamén colexios, institutos, centros de saúde, comercios e veciñanza
“Na Deputación temos un compromiso claro en materia de igualdade. Ao longo destes anos déronse pasos a favor da igualdade, pero non son suficientes. Debemos ir moito máis aló”, valorou esta mañá a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira
A Deputación de Lugo ultima a súa programación con motivo do 8M, que este ano incluirá actividades como música en directo, monólogos e conferencias. Así o avanzou esta mañá a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, nunha rolda de prensa que tivo lugar no Pazo de San Marcos e na que detallou a relación completa de iniciativas que prepara a institución provincial, “pensadas para todas as idades, con especial foco na mocidade”.
“Na Deputación temos un compromiso claro en materia de igualdade. Ao longo destes anos déronse pasos a favor da igualdade, pero non son suficientes. Debemos ir moito máis aló e consideramos que as administracións públicas temos que estar plenamente involucradas neste camiño”, valorou Morandeira.
A programación arrancará este venres, 8 de marzo, coa celebración das I Xornadas Feministas = Igualdade, no Salón de Actos da Deputación. Coa intención de crear un “encontro para o debate, a reflexión e a concienciación, contaremos con mulleres referentes nos seus ámbitos profesionais, que abordarán cuestións de plena actualidade”. Unha xornada na que está prevista a asistencia de alumnado de institutos da provincia “porque consideramos que a educación en igualdade é un motor de transformación esencial para avanzar cara unha sociedade máis xusta”.
O formato “dinámico e atractivo” combinará ponencias, música en directo e un monólogo e a xornada desenvolverase ó longo de toda a mañá. A participación será gratuíta, aínda que será preciso inscribirse previamente enviando un correo electrónico á dirección: protocolo@deputacionlugo.org Aceptaranse as inscricións ata completarse o aforo do Salón de Actos.
Tras a inauguración, que empezará ás 9.30 horas e correrá a cargo do Presidente desta institución provincial, José Tomé Roca, a xornada arrancará cunha mesa redonda arredor da Importancia do Feminismo nas Políticas Públicas. Participarán a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo; a presidenta do Foro Feminista de Lugo, Carmen Díaz Simón, e a Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira.
Seguidamente, ás 10.45 horas terá lugar a conferencia de Altamira Gonzalo Valgañón, que leva por título Feminismo é igualdade. Altamira Gonzalo é unha xurista feminista de Zaragoza que está especializada en Dereito de Familia e en Dereito Comunitario pola Escola de Práctica Xurídica da Universidade Complutense de Madrid. Altamira Gonzalo asumiu diferentes responsabilidades en organismos en defensa da igualdade e contra a violencia contra as mulleres, como no Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero, o Instituto da Muller de Castela A Mancha ou o Instituto Aragonés da Muller.
Ás 12.30 horas a socióloga e investigadora Silvia Fernández Freire ofrecerá a conferencia O marco feminista da abolición da prostitución. Ela ten máis de 20 anos de experiencia investigando sobre a violencia sexual e ten unha visión moi ampla sobre esta realidade.
A xornada rematará ás 13.30 horas coa cómica e dramaturga feminista Patricia Sornosa, que ofrecerá o monólogo Desapareza aquí, demostrando a súa arte de utilizar o humor combativo para loitar contra o machismo e romper estereotipos e roles.
O punto musical traeránolo ao longo da xornada a cantautora Sheila Patricia, unha muller referente da nova canción de autora en Galicia, “cun estilo moi persoal, feminista e ecléctico”.
Concertos Con Voz de Muller
A Deputación de Lugo organiza tamén o ciclo de concertos Con Voz de Muller, que comezou a organizar no ano 2022 e que pretende achegar aos concellos da provincia música en feminino. En total, serán catro actuacións musicais gratuítas todos os sábados que quedan deste mes de marzo, ás 20.00 horas:
• 9 de marzo Zoelas actuará na Casa da Cultura de Antas de Ulla
• 16 de marzo Agoraphoia, na Casa da Cultura de Burela.
• 23 de marzo Susana Seivane, na Escola Habanera de Guitiriz.
• E o 30 de marzo Cantar Delas, no Salón de Actos Municipal dos Chaos da Fonsagrada.
Morandeira explicou que son “concertos pensados co obxectivo de sensibilizar, de romper estereotipos e de favorecer a visibilización e o empoderamento feminino a través da música de mulleres con voz propia que cantan e expresan os nosos dereitos a través da música, como o fan os catro grupos que eliximos para o cartel”.
Actividades nos Centros de Atención a Maiores da rede provincial
A Deputación de Lugo tamén organiza un conxunto de actividades arredor do 8-M nos 9 Centros de Atención a Maiores que ten en funcionamento. Unha das actividade centrais consistirá na elaboración duns atrapasoños, que se difundirán polas propias vilas co lema Ponte nos nosos pés. “Unha acción transversal cos colexios, institutos, centros de saúde, comercios e veciños e veciñas, e cun carácter interxeracional, implicando a persoas de toda as idades”, subliñou a Deputada.
A maiores, haberá actividades propias de cada unha das residencias, como coloquios, gravacións de vídeos e exposicións fotográficas.