Deputación de Lugo

A Deputación inicia este luns os traballos de aglomerado da estrada que dá acceso á praia de Xilloi

rede viaria provincial
O Vicedo
As obras afectan ao primeiro quilómetro e medio da LU-P-6405, que é o tramo descorre pola zona urbana do concello do Vicedo e onde se levarán a cabo tarefas para a mellora da drenaxe, a pavimentación e a reposición da sinalización

A Deputación de Lugo vén de comezar este luns os traballos de estendido de aglomerado no tramo inicial da LU-P-6405, que é a estrada provincial que dá acceso no concello do Vicedo á praia de Xilloi. A institución provincial inviste 170.000€ nestas obras, das que se encarga a empresa Carferlo SLU.

As tarefas de mellora desta vía provincial afectan á zona urbana do concello mariñán, desde o inicio da estrada -na rúa Rosalía de Castro- ao punto quilométrico 1,400, á altura da Igrexa de San Esteban do Vicedo. A actuación consistirá na mellora da drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a reposición da sinalización.

Trátase dunhas melloras que terán un impacto moi importante no Vicedo, porque a vía é moi empregada tanto por visitantes como pola veciñanza. O tramo urbano dá acceso directo a varios negocios e a estrada, de preto de 5 quilómetros de lonxitude, é a que comunica a vila coa praia de Xilloi, unha das que máis afluencia ten neste concello. 

Medio millón de euros nas estradas do Vicedo

O Plan de mellora das estradas 2025, dotado con 15,5M€, contempla neste municipio outras dúas actuacións nas estradas LU-P-6401 e LU-P-6402, que conectan entre si e que comunican no Vicedo varias parroquias como Suegos, Falcoeira –no límite provincial coa Coruña- e o Cristo de Portapena. O investimento da Deputación de Lugo para estas melloras superará os 330.000€, polo que en total a institución provincial destinará este ano un total de medio millón de euros a diferentes melloras nas comunicacións deste concello.