Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación traslada á raíña Sofía o seu agradecemento pola visita á provincia de Lugo

 

 
Por delegación do Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns na visita realizada pola raíña emérita Dona Sofía ás instalacións do Banco de Alimentos de Lugo, entidade coa que colabora anualmente a institución provincial cunha achega de 10.000€ destinada á compra de ovos para as familias beneficiarias. Na visita real, Pablo Rivera acompañou a Dona Sofía e a representantes da Federación Española do Banco de Alimentos no percorrido polas instalacións que a entidade solidaria lucense ten no polígono do Ceao, e onde a raíña coñeceu de primeira man o traballo tan importante que desenvolve na provincia.
 
O Presidente da Deputación fíxolle chegar á raíña emérita unha mensaxe na que desculpou a súa ausencia na visita por cuestións de axenda inaprazables, e lle trasladou o seu agradecemento “por esta nova mostra de cariño cara a provincia de Lugo” e polo “respaldo que a súa presenza supón para a actividade dunha entidade volcada en axudar a quen máis o necesita”. “Os bancos de alimentos son a expresión do carácter solidario que caracteriza á sociedade lucense. Exemplifican os valores da convivencia e axuda mutua que sustentan os mellores valores da nosa democracia, sempre respaldados pola Casa Real”, expón o mandatario provincial na súa mensaxe a Dona Sofía.