Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación recoñece o gran labor social de Saúde Mental A Mariña no seu 25 aniversario

ANIVERSARIO
saude mental
A Mariña
A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas participou este sábado na gala benéfica que organizou o colectivo social para conmemorar esta data e á que asistiron máis de 200 persoas na Praza dos Campos de San Cibrao, en Cervo

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, participou este sábado na Gala XXV aniversario da asociación Saúde Mental A Mariña que se celebrou este sábado na Praza dos Campos de San Cibrao, en Cervo. Unha cita benéfica que organizou o colectivo social para conmemorar esta data e á que asistiron máis de 200 persoas.

López Moreno felicitou ao colectivo por estes 25 anos, valorando o traballo realizado e os avances acadados cos usuarios e usuarias, pero tamén coas familias, pois este colectivo, dixo, “puxo á Mariña e á provincia de Lugo á cabeza en número de prazas de residencias para persoas con problemas mentais”. Así mesmo, apuntou que “dende a Deputación cremos que é preciso dar máis visibilidade e concienciación social, romper o silencio para acabar co estigma que sofren moitas persoas que padecen enfermidades mentais”. 

A Deputada quixo lembrar que dentro das súas competencias, a institución provincial mantén alianzas e colaboracións con entidades e asociacións coma esta para avanzar nestes obxectivos. De feito, destina de forma anual 15.000€ a esta asociación. Unha colaboración que enmarcou na "decidida aposta que temos polas políticas sociais, que son xa un sinal de identidade da Deputación de Lugo, e ás que lle dedicamos máis dun terzo do presuposto”.