Deputación de Lugo

O Presidente celebra Santa Rita cos traballadores e traballadoras da Deputación de Lugo

Santa Rita
José Tomé Roca presidiu os actos da patroa do funcionariado local, nos que se homenaxeou a 14 empregados da institución que deixaron de prestar servizo público este último ano nas áreas de Patrimonio, Recadación, Rexistro, Asesoría Xurídica, Tesourería, Vías e Obras, Centrad e o Museo Provincial, entre outras

“Por desgracia, esta tamén é unha ocasión especial no máis triste dos sentidos”, sinalou o mandatario provincial, quen lembrou o pasamento no último ano de Jesús Arrizado, Edita Negrelos e Onésimo Ramiro Bascuas, “tres profesionais de prestixio”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este martes a celebración do Día de Santa Rita, patroa do funcionariado local, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Na cita homenaxeouse a 14 traballadores e traballadoras da institución provincial que deixaron este último ano de prestar servizo público nas áreas de Patrimonio, Recadación, Asesoría Xurídica, Tesourería, Vías e Obras, Rexistro, Cultura, Centrad e o Museo Provincial, entre outras.

Para José Tomé, “a festividade de Santa Rita é sempre especial. Un día para recoñecer o traballo ben feito, para agradecer o servizo de todas as persoas que desenvolveron a súa carreira profesional de servizo público na Deputación de Lugo”. O Presidente estivo acompañado de deputadas e deputados provinciais e os representantes da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa.

“Por desgracia, esta tamén é unha ocasión especial no máis triste dos sentidos. Porque este ano temos que lembrar a tres compañeiros que xa non están con nós”, dixo o mandatario provincial, quen lembrou o pasamento no último ano de Jesús Arrizado, xefe de Recursos Humanos; Edita Negrelos Peña, do servizo de Xestión Territorial; e Onésimo Ramiro Bascuas Lombao, do servizo de Recadación, “tres profesionais de prestixio e tres grandes persoas”. Valorou ademais que perder un familiar, un amigo ou un compañeiro “é un golpe duro e, cando quen marcha o fai antes de tempo, ese golpe provoca, primeiro incredulidade, e logo volve aínda máis aguda a dor da ausencia”.

Apuntou o Presidente que “unha institución vale o que valen os seus funcionarios, os seus traballadores, que son a verdadeira espiña dorsal da entidade. Por iso, eu sempre digo que, entre todos e todas, conseguimos que a Deputación de Lugo sexa unha institución exemplar, non xa dentro das administracións provinciais do Estado, senón no conxunto das administracións, galegas e españolas”. 

Neste sentido, fixo fincapé en que “os equipos de goberno pasan en función do que ditamina a vontade da cidadanía, pero a permanencia dos funcionarios e funcionarias, a súa profesionalidade e o seu rigor, é o fío condutor que hilvana o traballo da institución a través do tempo”.

“Sempre digo que os traballadores que vos despedides hoxe non marchades de todo. Esta segue a ser a vosa casa, a casa que segue aberta para vós, como vós a tivestes aberta para todos os veciños e veciñas da provincia de Lugo durante a vosa vida profesional”, apuntou o Presidente. “Non podo máis que agradecer o voso labor e desexarvos o mellor nesta nova etapa que comezades. Podedes estar orgullosos do traballo feito, e podedes ter a certeza de que na Deputación nos seguiremos esforzando para manter o listón á altura que o deixades”, concluíu. 

O Presidente entregou un agasallo ás persoas que deixaron de prestar servizo na institución e aos familiares dos traballadores finados no pasado ano. Unha vez rematado o acto, fíxose unha fotografía de familia e xunto ao cadro de persoal desfrutaron dun ágape.