Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle este xoves unha xornada de envecellemento activo do programa Xunt@s da Deputación

programa Xunt@s
Imaxe deputación de lugo

O Pazo de San Marcos acolle este xoves, 23 de maio, a segunda xornada do Mes da Saúde que promove a institución provincial para mellorar o benestar social a través de tres xornadas dedicadas á nutrición, o envellecemento e os beneficios da actividade física, e que contarán con especialistas expertos nestas materias.

Comezará ás 19:00 horas e abordará o envellecemento activo da man da psicóloga e especialista en neurosicoloxía e xerontoloxía Marta Ramos Goicoa, quen achegará aos participantes estratexias e prácticas para manter un estilo de vida activo e saudable. A entrada é libre ata completar aforo.

A terceira e última xornada será o próximo 30 de maio, tamén ás 19:00 horas, e centrarase nos beneficios que achega a actividade física para a saúde a cargo do doutor Rosendo Bugarín González.

Estas xornadas inclúense no programa Xunt@s da Deputación, dotado cun total de 91.000€, que está a ter moi boa acollida. Un milleiro de veciños e veciñas xa participaron nestas charlas organizadas pola institución da man dos concellos. A institución provincial desenvolve unha serie de 125 xornadas temáticas gratuítas, que se celebrarán ata xuño por toda a provincia, e que teñen que ver coa saúde, co deporte ou coas novas tecnoloxías.