Cultura
Deputación de Lugo

Catro alumnas de centros de Burela, A Pontenova e Becerréa recibiron os premios do certame ilustrarNÓS, convocado pola Vicepresidencia da Deputación

ILUSTRARNÓS
EFRÉN CASTRO
Burela
A Pontenova
Becerreá

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolleu esta tarde o acto de entrega de premios do III Certame Escolar de Ilustración IlustrarNÓS, convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Jimena Domínguez García do CEIP Vista Alegre de Burela, Inés Suárez Capón do IES Enrique Muruais da Pontenova, Noa Digón Uría e Noa López Villares, as dúas do IES de Becerreá, foron as gañadoras docertame nas categorías 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º da ESO, 3º e 4º da ESO e Bacharelato e Ciclos, respectivamente.

Os seus traballos foron elixidos entre as 148 ilustracións presentadas ao certame por parte de alumnas e alumnos de colexios e institutos das distintas comarcas, inspiradas no lema proposto para esta terceira edición da convocatoria “A Festa”, que convidaba a representar graficamente este concepto.

As autoras das obras gañadoras foron agasalladas cun Ipad con aplicacións de deseño gráfico e cun lote das máis recentes publicacións en galego de álbum, banda deseñada e novela gráfica.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro deu os parabéns ás premiadas e agradeceu a participación de todas as alumnas e alumnos que presentaron os seus traballos ao certame, así como do profesorado e das familias que oas alentaron e lembrou os obxectivos desta iniciativa, que, explicou, “ofrece un aliciente para que as alumnas e alumnos poñan en marcha a súa creatividade” e “pretende popularizar a obra de ilustradores e ilustradores galegos entre as xeracións máis novas”

O acto contou coa participación da escritora e editora Eva Mejuto, coordinadora do Salón do Libro Infantil de Pontevedra, que compartiu coas gañadoras as súas reflexións sobre as posibilidades que ofrece a ilustración como linguaxe artística, remarcando a creación como unha actividade netamente humana.

Obradoiros e charlas en centros educativos

O certame é parte dunha programación organizada pola Vicepresidencia da Deputación ao redor do Día da Ilustración en Galicia, que arrancou o pasado mes de xaneiro e que incluíu outras actividades vinculadas á creación gráfica en centros educativos da provincia, como obradoirois de fanzine a cargo de 7H Cooperativa Cultural en colexios de primaria ( CEIP Terra Chá, de Vilalba; CPI Dr. López Suárez, de Friol; CPI de Castroverde, CEIP Santa María, da Fonsagrada; CEIP Concepción López Rey, de Baleira; CEIP Virxe da Luz, de Portomarín, CPI de Cervantes e CEIP de Albeiros en Lugo) e charlas coloquio da  man da ilustradora lucense Rebeca Losada en institutos de secundaria ( IES de Becerreá, IES Pedregal de Irimia de Meira, IES Lucus Augusti de Lugo) e no Escola da Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón (Lugo).