Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Turismo

Lugo volverá este sábado a ser capital da cultura vinícola co apoio da Deputación

Lucus in Vino Veritas
Lugo
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou na presentación da cuarta edición de Lucus in Vino Veritas, que reunirá no Atrio da Catedral a 22 adegas de toda España con especial presenza do territorio galego

Pablo Rivera explicou que a institución provincial achega 2.000€ para esta iniciativa “que encaixa no modelo que impulsamos de promoción do territorio a través dun turismo de calidade, de experiencias e sostible”

A cita vinícola contará cunha zona exclusiva para as marcas da provincia de Lugo, catas, maridaxes, showcooking e zona gastronómica con demostracións en directo de chefs destacados do panorama nacional

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves na presentación da cuarta edición da cita vitivinícola Lucus in Vino Veritas, que se celebra este sábado, 25 de maio, no atrio da Catedral de Lugo. A Deputación de Lugo colabora con este evento cunha achega de 2.000 euros para a posta en valor da actividade vitivinícola que, segundo destacou o Deputado, “é un dos piares da economía da nosa provincia”.

Rivera Capón, que estivo acompañado das representantes da organización, Isabel Lozano e Belén Boudón, destacou a importancia de colaborar con citas coma esta, “que encaixa no modelo que impulsamos de promoción do territorio a través dun turismo de calidade, de experiencias e sostible”. Nese sentido, sinalou a colaboración co tecido asociativo da provincia e tamén programas que ten en marcha a institución provincial como as rutas polo románico polo Día da Transrománica, ou a iniciativa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia.

Lucus in Vino Veritas contará nesta nova edición con 22 adegas participantes que ofrecerán ata 100 marcas de viños diferentes de todo o territorio español. O espazo contará con dúas zonas diferenciadas, unha de adegas exclusivamente da provincia de Lugo, e outra de adegas procedentes doutras zonas, solos e climas do país. Ao longo da xornada desenvolveranse diferentes actividades, como un concurso de cata de viños, música en directo, cata de augardentes, cata de grandes añadas da Ribeira Sacra, zona gastronómica cun menú especial, showcooking e demostracións en directo de chefs destacados do panorama nacional.  


Pablo Rivera animou a todas as persoas a desfrutar este sábado deste evento e felicitou aos organizadores por esta iniciativa da que se amosou convencido de que volverá acadar os éxitos de edicións anteriores.