Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación creará unha zona de vestiarios para o Anexo, cun investimento de 236.000 euros

ANEXO
Pazo dos Deportes
EFRÉN CASTRO
Efrén Castro “a instalación atende unha demanda dos clubs de baloncesto base, que terán aseos e vestiarios máis accesible e para uso propio”

A nova dotación instalarase nun espazo da planta baixa do Pazo dos Deportes, na fachada norte

O vicepresidente da Deputacíon de Lugo Efrén Castro presentou este xoves o proxecto para dotar de vestiarios o Anexo, onde adestran e xogan os clubs de baloncesto base da cidade de Lugo.

A obra consiste en acondicionar un espazo na planta baixa do Pazo -situado por baixo da grada norte  – como zona de aseos e  vestiarios –  femininos e masculinos- , para uso propio das usuarias e usuarios do Anexo. A dotación contará cunha zona de aseos e outra, contigua, na que se ubicarán as taquillas e bancos  e as duchas , comúns (6) e individuais en cabina (3).

 A instalación contará cunha superficie útil de 121 metros cadrados, e estará delimitada por un falso teito, que se situará por riba das ventás altas da fachada, para aproveitar a iluminación natural que proporcionen. A intervención requerirá a apertura dunha nova porta na fachada do Pazo, de forma que o acceso a cada un dos vestiarios será independente.

Efrén Castro explicou que esta dotación atende unha demanda que os equipos de baloncesto base que xogan e adestran nas instalacións do Anexo nos viñan formulando, e permitirá que os usuarios e usuarias da instalación -uns 60 equipos –  teñan máis accesibles, e para uso propio, este servizo que ata agora se viña cubrindo cos vestiarios do Pazo”.

O vicepresidente da Deputación de Lugo sinalou que “a instalación dentro do edificio do Pazo é a única solución posible para crear este espazo atendendo á normativa urbanística” e explicou que “neste tempo se barallaron outros proxectos como unha construción adxacente ao Anexo ou a instalación duns vestiarios prefabricados, que non puideron levarse a cabo”.

Efrén Castro destacou que “a instalación de vestiarios dá continuidade aos investimentos realizados nos dous últimos anos pola área de Deportes para que os equipos de baloncesto base da cidade dispoñan dunha instalación nas mellores condicións posibles, despois das intervencións realizadas para tratar de paliar os problemas de goteiras da cuberta, da instalacion de luminarias LED e da instalación dun novo parqué nas canchas.”.

Ao contrato, licitado por un importe de 236.000 euros,  presentáronse ofertas de seis empresas. Proximamente, aprobarase a adxudicación por parte da Xunta de Goberno, iniciándose daquela o procedemento para formalizar o contrato - que se pode extender durante un mes - e levar a cabo as obras que teñen un prazo de execución de catro meses.

A dotación de vestiarios súmase as actuacións realizadas  no Anexo para mellorar as condicións de uso dun recinto fundamental para o baloncesto base lucense, que usan de forma habitual para adestramentos e competición oficial uns sesenta equipos de distintos clubs de base da cidade.

Nos último ano renovouse o parqué da pista, dotando o recinto dunha nova superficie de xogo, cun material que conta coa máxima certificación da Federación Internacional de Baloncesto (FIBA) na categoría de pavimentos de madeira de competición, que supuxo un investimento de 320.000 euros.

Previamente á instalación do parqué, realizáranse diferentes actuacións dirixidas a mellorar a impermeabilización do edificio, como a retirada do muro de terra que bordea un dos laterais do edificio e a limpeza de canlóns e baixantes. Tamén se renovou a iluminación do espazo, coa instalación 48 proxectores LED que substituíron as antigas luminarias.