Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participa no 180º aniversario da fundación do corpo da Garda Civil

ANIVERSARIO
Garda Civil
José Tomé Roca entregou a Cruz do Mérito con distintivo branco ao cabo primeiro Pablo López Rubio na Comandancia da benemérita de Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves nos actos conmemorativos do 180º aniversario da fundación do corpo da Garda Civil que tiveron lugar na Comandancia da benemérita en Lugo. O mandatario provincial entregou a Cruz do Mérito con distintivo branco ao cabo primeiro Pablo López Rubio na Comandancia da benemérita de Lugo. No acto tamén participaron a Alcaldesa de Lugo,  Paula Alvarellos; a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; e o Xefe Interino da Garda Civil, Manuel Touceda, entre outras autoridades.

Ademais da imposición de medallas, os actos do aniversario contaron cunha homenaxe a un garda civil veterano e tamén aos compañeiros caídos.

Nos últimos anos a Garda Civil e a Deputación de Lugo colaboraron na organización de eventos e actuacións importantes para a provincia, como a visita do Rei Filipe VI a Sarria; ou para o financiamento dunha vitrina que conserva a única bandeira republicana que o corpo armado ten en Galicia, unha insignia de 1935 que retornou á provincia en 2019 dende o Museo de Valdemoro, logo de 75 anos en Madrid.