Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Daniel García chamou a “manter o espíritu das primeiras axencias de extensión agraria” para afrontar os retos de futuro da gandería e a agricultura

RURAL
DANIEL GARCÍA
Agricultura
gandería
O deputado de Rural defendeu a necesidade do “asesoramento agrario como motor da profesionalización dos sectores produtivos primarios en Galiza”

O responsábel provincial inaugurou as xornadas “Pasado, presente e futuro do asesoramento rural” organizadas pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes no CFEA Pedro Murias de Ribadeo

O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García inaugurou esta , mañá IX Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes que se desenvolven hoxe e mañá no CFEA Pedro Murais de Ribadeo, co apoio da Vicepresidencia da Deputacíon de Lugo. “Pasado, presente e futuro do asesoramento rural” é o título da xornada, que inclúe unha ducia de ponencias , palestras e que acollerá tamén unha homenaxe ao persoal que desenvolveu a súa actividade profesional na Axencia de Extensión Agraria nos primeiros anos.

Na intervención inaugural, Daniel García valorou “a iniciativa da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes que, con estas xornadas, recoñece o traballo das persoas que puxeron en marcha as axencias de extensión agraria” e subliñou o papel transformador deses profesionais “do agro e do asesoramento rural, con ideas modernas” que foron capaces de “tecer redes, de crear comunidade e de mudar o pensamento dunha sociedade que pedía poder evolucionar e medrar cos novos tempos” e de “ofrecerlle unha oportunidade de futuro a noso rural, a través do traballo compartido coas asociacións culturais, coa propia veciñanza, con moitas persoas valiosas que lograron integrar nos seus equipos”.

O responsábel provincial chamou a “recuperar o espíritu do persoal que puxo en marcha as axencias de extensión agraria”  para afrontar os retos de futuro do asesoramento agrario, como motor da profesionalización dos sectores produtivos primarios en Galiza, afectados por problemáticas “como o cambio climático - ligado á prevalencia de enfermidades do gando ou á expansión de especies invasoras como a velutina - ou a competencia do sector enerxético polo territorio”

Nesa liña, defendeu a necesidade de traballar de xeito conxunto – institucións, entidades de aconsellamento e asociacións agrogandeiras - “integrando a todos os colectivos en instrumentos como o Comité de seguimento do PEPAC, en positivo, cos pés na terra, reducindo a carga burocrática e poñendo o foco en darlle facilidades aos mozos que desexan incorporarse á actividade agraria, ou novos entrantes que proceden de outros sectores e que desexan emprender no rural”

Na xornada de mañá, interviron Elena Piñeiro Sotelo,presidente da Asociación de  Asesores Rurais de Galicia, cunha exposición centrada no presente do asesoramento rural en Galiza, Isabel Viallba Seivane, do SLG, coa ponencia “Un proxecto de país para o noso rural e a vixencia dun modelo de extensión agraria pública”, así como os técnicos da Consellería de Medio Rural Iván Vázquez e Juan Martínez Barral.

Pola tarde, as intervencións correrán a cargo de Florentino Díaz, profesor da USC e Jaime Izquierdo Vallina, profesor da Universidad de La Laguna. Despois, as persoas asistentes farán unha visita á Cooperativa Clun.

Mañá, sábado, será a homenaxe a extensionistas xubilados, coa proxección dunha peza audiovisual, presentada por Anxo Vázquez, quen fora director e presentador do programa a TVG A Labranca, e unha ponencia de Antonio Oca Fernández, técnico de extensión agraria, titulada “Extensión agraria como servizo educativo”. A xornada pecharase cunha entrega de agasallos ás persoas homenaxeadas.

SGPF