Deputación de Lugo

O Presidente participa na primeira reunión da Comisión de Deputacións da FEMP

FEMP
José Tomé Roca tomou parte este luns no encontro que agrupa aos representantes dos gobernos provinciais e insulares de toda España e no que se abordaron as principais liñas de actuación para os próximos anos deste organismo

O reto demográfico, a loita contra a violencia de xénero, implementar a Axenda 2030 e incrementar a visibilidade das Deputacións provinciais, Cabidos e Consellos Insulares marcarán o plan de traballo 2023-2027

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este luns, de xeito telemático, na primeira reunión de traballo da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Logo da súa constitución, en febreiro deste ano, este organismo integrado por representantes de gobernos locais intermedios de toda España acordou durante a mañá de hoxe as diferentes liñas de actuación que guiarán á Comisión durante o período 2023-2027.

Baseada nas resolucións do XIII Pleno da FEMP, esta folla de ruta quedou definida  “como un documento vivo, aberto, flexible e suxeito a cambios ao longo do mandato”. Entre as principais liñas de actuación acordadas está a de incrementar a visibilidade das Deputacións Provinciais, Cabidos e Consellos Insulares; apoiar e facer seguimento dos acordos da Xunta de Goberno da FEMP; seguir abordando o reto demográfico; continuar na loita contra a violencia de xénero; implementar a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS); ou colaborar coa Fundación Democracia e Goberno Local.

No que ten que ver co reto demográfico, a comisión acordou seguir traballando para evitar a perda de poboación en zonas rurais e para asegurar os servizos básicos, en termos de equidade, en todas as localidades do país e intercambiar as boas prácticas e experiencias de éxito nos diferentes territorios. E sobre a violencia de xénero, este organismo aprobou analizar o papel e as potencialidades dos gobernos provinciais e insulares no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero e traballar por establecer un compromiso “firme” de todas as Deputacións de España contra esta lacra.

Respecto da Axenda 2030 e os ODS, a Comisión chegou ao acordo de impulsar a inclusión desta folla de ruta en todos os ámbitos da súa xestión pública e promover a adhesión dos seus integrantes na Rede de Entidades Locais para o seu desenvolvemento, como entidades multiplicadoras no ámbito rural dos contidos da Axenda.

A Comisión acordou tamén analizar o proxecto dos Presupostos Xerais do Estado cada ano, coa finalidade de poder elevar á Xunta de Goberno da FEMP as propostas de emendas que se consideren, tales como a recuperación do volume da financiamento da Cooperación Económica Local do Estado.

Nesta primeira reunión da Comisión de Deputacións da FEMP aprobouse ademais que a próxima reunión terá lugar en Sevilla, o vindeiro 1 de xullo.