Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participa na reunión do padroado da Fundación Universitaria Campus de Lugo

Campus Terra
Na xuntanza, da que formaron parte tamén o Vicerreitor do Campus, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo aprobaron os plans de actuación da entidade para os anos 2023-2024 e 2024-2025

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este mércores na reunión ordinaria do padroado da Fundación Universitaria Campus Universitario de Lugo que se celebrou por primeira vez fóra da capital lucense, na Sala de Xuntas do Concello de Monforte de Lemos. A xuntanza contou tamén coa presenza do Vicerreitor de Organización Académica do Campus, Francisco Fraga López, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez.

No encontro analizaron as contas correspondentes aos exercicios e cursos académicos 2023-2024 e 2024-2025, para o que a Deputación achega 170.000€ cada anualidade. A maiores, a institución provincial concede anualmente unha subvención nominativa para impartir o máster en Dirección de Persoas Paulo Fabio por un importe de 12.000, o que en suma, representa máis do 60% do orzamento da entidade.

Tamén se aprobaron os plans de actuacións da fundación correspondentes a este curso (2023-2024), e unha previsión do vindeiro (2024-2025). O documento que marca a folla de ruta do exercicio en curso inclúe o funcionamento da Escola Universitaria de Relacións Laborais, na que se imparte o Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, con 113 prazas e unha dotación de 16 persoas; o máster de Formación Permanente en Orientación Laboral e os cursos –cun total que supera as 60 prazas entre ambos- de habilidades do desempeño no ámbito laboral e de intelixencia emocional e xestión de conflitos.

No encontro abordaron tamén a posibilidade de poñer en marcha iniciativas enfocadas a actualizar a información sobre a inserción laboral dos egresados.