Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

A veciñanza da Terra Chá coñecerá a IXP Terras do Navia da man da Vicepresidencia da Deputación

IXP TERRAS DO NAVIA
VITICULTURA
Vilalba
A Casa da Cultura de Vilalba acollerá este venres unha nova cata dos viños elaborados baixo este selo de calidade, organizada pola Asociación Galega de Viticultura e FRUGA en colaboración coa área de Rural

A Casa da Cultura de Vilalba acollerá este venres, 31 de maio, a partir das 17.30 horas unha nova cata de viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia. Trátase dunha acción de promoción e divulgación deste selo de calidade organizado pola Asociación Galega de Viticultura (AGV) e a Federación Rural Galega (FRUGA) coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Durante a xornada as persoas asistentes participarán nunha charla coloquio con Elísabet Castro, sumiller do Mesón do Campo; José Crusat, da adega Entre os Ríos (IXP Barbanza e Iria) e José Álvarez, da Adega da Señora (Coea, Navia de Suarna). Posteriormente haberá unha degustación da Adega Panchín e Adega Sidrón, de Negueira de Muñiz, e de Bodega da Señora, de Navia Suarna, as tres adegas que comercializan viños co selo da IXP.

As accións promocionais, que pretenden ampliar o coñecemento da conca do Navia e dos seus viños tras lograren en xullo pasado o certificado de calidade, continuarán nos vindeiros meses, con charlas e catas  en Viveiro, o 5 de xullo, e Barreiros, o 12 de xullo.

A área de Rural dá continuidade así a colaboración que mantivo nos dous últimos anos coa Asociación Galega de Viticultura, desenvolvendo diferentes accións de formación, asesoramento e divulgación dos viños de Terras de Navia co obxectivo de recuperar a produción de viño na zona e reverter o abandono de viñedos que se deu nas ultimas décadas.