A Deputación conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente con actividades, unha conferencia e unha mostra
Carlos López salientou a programación que organizou a institución provincial ao longo de toda a semana nesta data, aínda que fixo fincapé en que “o noso compromiso por coidar o noso medio mantense non só hoxe, senón os 365 días do ano “
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este mércores na programación de actividades que organizou a institución provincial con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente no Pazo de San Marcos. “O noso compromiso por coidar dos inmensos recursos naturais que nos rodean e concienciar á cidadanía sobre a protección do planeta mantense non só hoxe, senón os 365 días do ano”, salientou.
“Vivimos nunha provincia única, que conta con máis do 80% do territorio declarado Reserva da Biosfera. Dende a Deputación xestionamos a de Terras do Miño e a de Ancares Lucenses e Montes de Navia e Becerreá coa premisa de compaxinar a protección do medio ambiente co desenvolvemento sostible do territorio. Esa é a estratexia pola que apostamos na Deputación de Lugo, porque estamos convencidos de que a nosa riqueza e diversidade ambiental debe ser unha oportunidade de futuro para o rural da provincia de Lugo”, incidiu, ao tempo que engadiu que para conseguilo “levamos a cabo numerosas iniciativas ao longo de todo o ano para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental da man dos concellos e colectivos que están no territorio”.
Para conmemorar esta xornada, que se celebra cada 5 de xuño desde 1973, o Deputado explicou que se puxeron en marcha actividades e accións para involucrar tanto aos máis pequenos como aos adultos na importancia do coidado do medio natural e da súa conservación.
López abriu unha conferencia que impartiu o técnico de Protección Civil Luis Manuel Corral Andrade sobre Pragas de Emerxencia, na que abordou diversas cuestións relacionadas coa influencia do clima nas pragas, o seu impacto na biodiversidade, os medios de prevención e control existentes ou as diversas actuacións de sensibilización e educación ambiental que poden levarse a cabo, entre outros aspectos.
Así mesmo, nesta xornada Carlos López tamén lle entregou aos usuarios e usuarias dos hortos urbanos que a institución provincial ten Rato dos diplomas acreditativos das actividades formativas nas que participaron. Unhas formacións que impulsa a propia Deputación para que as persoas que cultivan os hortos aprendan máis sobre como traballar nas parcelas, a plantar legumes e froitas de temporada ou curiosidades e trucos para sacarlle o mellor dos proveitos á terra.
Obradoiros de educación ambiental
A maiores, o Deputado sinalou que “numerosos nenos e nenas maiores de 6 anos de idade están participando esta semana nos obradoiros gratuítos de educación ambiental que iniciamos este mesmo luns na Praza de San Marcos e que rematarán mañá xoves pola tarde”. Nas xornadas do luns e do martes participantes puideron realizar “bombas de sementes de plantas autóctonas, estampado de bolsas de algodón mediante a técnica Hapa Zome, ou unha mini horta urbana en madeira”, detallou. Este xoves terá lugar a derradeira sesión a partir das 17:00 horas, pensada para nenos e nenas a partir dos 6 anos e non é preciso inscribirse con anterioridade.
Exposición
Carlos López aproveitou a súa intervención para convidar a todas as persoas interesadas a visitar a exposición Dende a Reciclaxe á Creatividade Musical. Unha mostra que está dispoñible nos corredores da planta baixa do Pazo de San Marcos e que quedou aberta ao público dende esta mesma mañá.
Por último, a institución provincial sumouse na noite deste mércores á apagada ambiental que convoca o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro do programa People & Planet, co obxectivo de concienciar sobre o cambio climático e o consumo enerxético, e fíxoo suspendendo a iluminación da fachada do Pazo de San Marcos.