Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Mariña acolle do 21 ao 25 de xuño o torneo Héroes do Orzán, organizado co apoio da Vicepresidencia

Héroes de Orzán
EFRÉN CASTRO
Burela
Foz
Xove
Cervo
Viveiro
Participarán 86 equipos dende biberón ata xuvenil que reunirán a 1.032 participantes de toda Galiza, Castela e León, Madrid, Cantabria e Asturias

O Pazo de San Marcos acolleu este luns a presentación da XI edición do torneo de fútbol sala base “Heroes do Orzán”, que reunirá na Mariña equipos de base de fútbol sala en memoria de Rodrigo Maseda Lozano, policía burelés que perdeu a vida ao intentar rescatar a un mozo na praia coruñesa do Orzán en 2012 xunto a outros dous compañeiros.

O torneo celebrarase do 21 ao 25 de xuño en pavillóns de Burela (Vista Alegre e Monte Castelo), San Cibrao (A Veiga), Xove, Viveiro e Foz (Marzán), unha sede compartida que busca lembrar a Rodrigo Maseda Lozano, así como estender pola comarca a práctica deportiva á vez que impulsa a economía grazas á chegada de acompañantes das xogadoras e xogadores.

O Vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes, Efrén Castro, estivo acompañado de Isabel Lozano, nai de Rodrigo Maseda Lozano; o presidente da Fundación Indecum, Marcelino Luna, o director do torneo, Alfonso Mera, o inspector xefe da Comisaría de Viveiro, Roberto Saa, e o xefe Brigada Provincial da Policía Xudicial, Moisés Muñiz. Tamén asistiron a alcaldesa de Burela, Carmela López; o tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado; o concelleiro de deportes burelao, Carlos Méndez e o presidente de Cruz Vermella Lugo, Luis Abelleira Mayor.

A área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación apoia esta cita organizada pola Fundación Indecum. Durante as xornadas agárdase a chegada de 1032 participantes:  xogadores, xogadoras e técnicos dos diferentes equipos duns 86 equipos  das categorías  biberón e prebenxamín mixto e de prebenxamín a xuvenil masculino e feminino. Entre os participantes hai equipos de toda Galiza, así como de Castela León, Madrid, Asturias e Cantabria.

Castro celebrou o éxito desta cita que “ano tras ano atrae a centos de persoas á Mariña arredor do fútbol sala, un deporte que na provincia de Lugo ten unha gran representación e que se converteu nun referente para as pequenas e os pequenos”. Así mesmo, o director do torneo destacou a importancia desta competición en igualdade “xa que conta con representación masculina e feminina en todas as categorías, dende os 4 anos ata os 18, e vólvese unha oportunidade para reivindicar a igualdade de oportunidade entre os máis novos independentemente do xénero”, con 58 equipos mixtos e masculinos e 28 femininos.

A organización xestiona nestes días o aloxamento dos equipos de fóra da comarca, que se hospedarán fundamentalmente en hoteis de Viveiro, Foz, Burela e Barreiros. Á demanda xerada polos participantes súmase a de familiares e acompañantes, que multiplicarán o impacto económico do evento na hostalería da comarca.