Deputación de Lugo

O Presidente recoñece o labor que realiza ALCER Lugo na atención das persoas que padecen enfermidade renal crónica

José Tomé Roca
Pablo Rivera Capón
ALCER
Día Mundial do Ril
Fíxoo este xoves xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social nunha visita á mesa de cuestación instalada na Praza de San Marcos con motivo do Día Mundial do Ril, unha xornada que se celebra anualmente o segundo xoves de marzo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, achegouse este xoves ata a mesa de cuestación instalada pola Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril (ALCER Lugo) diante do Pazo de San Marcos polo Día Mundial do Ril.


Esta xornada, que se celebra anualmente o segundo xoves de marzo, pretende concienciar á poboación na prevención e na detección precoz da enfermidade renal crónica. Con este motivo, a entidade lucense tamén instalou unha mesa informativa diante do Concello de Lugo e outra no Hospital Universitario Lucus Augusti nas que trasladou a importancia do coidado da saúde renal e informou de hábitos de vida saudables para mellorar a calidade de vida das persoas que padecen este tipo de doenzas. 


Tomé Roca puxo en valor o traballo que desenvolve ALCER Lugo desde hai máis de 40 anos “no apoio integral dos seus usuarios e as súas familias brindándolles asesoramento personalizado e apoio social, físico, psicolóxico e nutricional co que mellorar a súa calidade de vida e de benestar”. 


Nesta liña, o mandatario provincial recordou que a Deputación de Lugo mantén un “firme compromiso” con esta entidade, achegando 6.000€ anualmente, porque “somos plenamente conscientes de que as administracións públicas deben estar ao carón deste tipo de colectivos”. José Tomé tamén recordou a importancia de “apoiar as accións e as actividades que levan a cabo e que sensibilizan directamente aos veciños e veciñas”.