Deputación de Lugo

Vilalba estrea novas piscinas na Madalena grazas ao investimento de máis de 800.000€ da Deputación

Vilalba
José Tomé Roca
Inauguración A Madalena
- O Presidente inaugurou este sábado xunto a Alcaldesa vilalbesa este novo espazo que subliñou “converterá a Vilalba nun destino turístico e de lecer, xa que ofrece unha proposta de ocio de calidade, familiar, e en contacto coa natureza”

- O novo parque acuático conta con 3 piscinas (natación, recreativa e infantil), un edificio de servizos semisoterrado na ladeira, e varias zonas para descansar e tomar o sol, así como unha rampla para conectar entre si a zona fluvial coa das piscinas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este sábado xunto a Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, o novo parque acuático da área da Madalena que é unha realidade grazas a colaboración da institución provincial co Concello, ao que achegou preto de máis e 800.000€ para facer realidade este espazo público que dará servizo á veciñanza de toda a comarca da Terra Chá. José Tomé sinalou que, no día de hoxe, materialízase un compromiso adquirido co Concello de Vilalba, cumprindo así a palabra dada aos vilalbeses e vilalbesas. 

 

“Hoxe estamos en Vilalba para cumprir coa palabra dada, como fai sempre o Goberno da Deputación de Lugo, e como debe facer calquera Goberno. Hoxe vemos o resultado dun compromiso que adquirín con este Concello e cos veciños e veciñas de Vilalba”, subliñou José Tomé durante a xornada de portas abertas organizada polo Concello na que participaron numerosos veciños e veciñas.
Trasladou o Presidente aos presentes que “este é un día de alegría porque estamos inaugurando estas novas piscinas que poñen en valor e amplían as posibilidades de ocio desta área recreativa da Madalena”. Dende a Deputación, dixo, “fixemos un investimento moi importante, próximo a un millón de euros. Pero Vilalba e esta iniciativa, ben mereceron este esforzo”.


José Tomé enmarcou este acordo no compromiso da institución provincial de cooperar cos concellos: “Somos o Concello dos Concellos. Un concello grande que colabora cos concellos da provincia para que poidan ofrecer mellores servizos públicos ou acometer proxectos que non poderían levar adiante en solitario. Deste xeito, favorecemos o desenvolvemento equilibrado da nosa provincia”.


O Presidente felicitou ao Concello de Vilalba e o seu equipo de Goberno por impulsar este proxecto, primeiro con Elba Veleiro como Alcaldesa ao fronte, e agora con Marta Rouco, “que están comprometidos e traballan cada día pola mellora do seu concello dun xeito realista, sen pedir imposibles, pero sen medo para abordar proxectos tan fermosos e tan ambiciosos coma este. Un proxecto, que penso que vai marcar un antes e un despois para o futuro de Vilalba.”


Unha nova oferta de lecer


Coa creación do parque acuático na Madalena, veciñanza e visitantes poderán gozar desta nova oferta recreativa que ten como obxectivo darlle unha nova vida á contorna do río. Está pensado para dar resposta ás necesidades e gustos de todas as xeracións, permitindo, non só que haxa opcións de lecer para todas as idades, senón que pola súa disposición se permita que as nais e pais poidan manter un control visual dende calquera punto dos seus fillos e fillas mentres se atopan no recinto, aumentando a seguridade dos máis pequenos. 

 

Esta iniciativa simplifica a xestión e o mantemento das infraestruturas desta área recreativa, sen perder de vista o enclave natural no que se atopa. Contará con tres piscinas: unha infantil de 0,45 metros de profundidade, unha de natación para uso deportivo de 1,55 metros de profundidade máxima e outra recreativa cunha profundidade de 1,20 metros. No caso do vaso infantil, complementase  con surtidores de auga que potencian e estimulan os xogos nesa área. 


Tamén conta cun edificio de servizos que está semisoterrado nunha ladeira de tal xeito que a súa presenza non obstaculice as vistas ao río nin sexa obxecto disonante no enclave natural. Nesta infraestrutura intégranse os cambiadores, os aseos, a sala de socorrismo, un almacén e unha zona para recepción. Así mesmo, disponse de tres zonas para tomar o sol, situadas a carón das piscinas. 
A intención é que a transición dende a contorna da praia fluvial ao espazo propio das instalacións recreativas se conciba como un lugar único, integradas ambas zonas nunha soa. O proxecto tamén inclúe unha rampla que comunica a cota superior da plataforma coa da praza onde se dispoñen os servizos propios da praia.


Pola súa banda, na zona sur, a parte arborada serve como límite natural e como espazo de descanso de pavimento vexetal con zonas de sol e sombra, complementando os espazos de solarium que se prevén xunto ás piscinas.