Deputación de Lugo

O Presidente valora os avances das obras da autovía entre Lugo e Santiago na visita do Secretario de Estado

autovia
Lugo
SANTIAGO DE COMPOSTELA
O responsable do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano, sinalou que estes traballos da A-54 farán que a autovía se converta nun eixo de gran importancia para vertebrar o interior da comunidade autónoma

José Tomé: “A final de ano teremos o treito entre Palas e Melide, quedando só o treito entre Arzúa e Melide, que estará listo a finais do 2025. Son moi boas noticias para a provincia de Lugo porque teremos a capital de Galicia a menos dunha hora”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, valorou este xoves os avances das obras da autovía A-54 -que conecta Lugo e Santiago de Compostela- na visita que fixo o Secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano, para supervisar estes traballos á altura do viaduto que se está a construír sobre o río Pambre, no concello de Palas de Rei.

“Estamos comprobando como avanzan as obras da autovía entre Lugo e Santiago nun tramo que é tremendamente complicado e que tivo moitas dificultades para poderse levar a cabo”, destacou o Presidente. Sinalou que, tal e como avanzou Santano, a finalización do taboleiro permitirá ter a infraestrutura lista e o treito entre Palas de Rei e Melide en circulación a finais de ano, “algo de moita transcendencia a nivel turístico e comercial”. “Quedando só o treito entre Arzúa e Melide, que estará listo a finais do 2025. Son moi boas noticias para a provincia de Lugo porque teremos a capital de Galicia a menos dunha hora”, sinalou Tomé Roca.

Este treito, que conta cun investimento superior a 90M€, discorre paralelo á estrada N-547, o que mellorará tamén a seguridade desta, que actualmente conta cun importante tránsito de peregrinos do Camiño de Santiago. O viaduto sobre o río Pambre será o máis longo da provincia de Lugo cun taboleiro único de 977 metros de lonxitude o que lle confire unha singularidade estrutural e construtiva a esta infraestrutura.

O responsable do Ministerio tamén avanzou que as obras do tramo contiguo entre Arzúa e Melide, continúan o seu curso, contan cun investimento superior aos 100M€ e estarán listas ao longo do ano 2025. Unha vez culminada esta infraestrutura, a autovía A-54 entre Lugo e Santiago contará cun trazado de 93,42 quilómetros nos que o Goberno do Estado investiu un total que supera os 700M€.