Deputación de Lugo

A Deputación e a Federación veciñal de Lugo colaboran para dinamizar o tecido empresarial feminino do rural

Federación de Asociacións de Veciños
Igualdade
O Presidente, José Tomé Roca, asinou co presidente da entidade un convenio de colaboración para desenvolver o programa Rompendo mitos que cunha achega de 12.000€ da institución provincial desenvolverá xornadas, talleres e charlas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos co presidente da Federación de Asociación de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial achega ao colectivo 12.000€ para o desenvolvemento dun programa de dinamización do tecido empresarial feminino no rural. 

Rompendo mitos é un programa deseñado co obxectivo de rachar a brecha de xénero en materia de emprego e emprendemento fomentando a participación da muller nas diferentes facetas laborais e profesionais mediante o desenvolvemento de xornadas, talleres e charlas ao longo deste ano 2024.

Concretamente, a Federación organizará xornadas sobre emprendemento feminino nas que se entrevistará a diferentes mulleres que lideran empresas no rural da provincia, para que compartan as súas experiencias e as dificultades que encontraron polo camiño. Tamén se levarán a cabo talleres de empoderamento dixital; e charlas e coloquios sobre mitos e estereotipos femininos no traballo que se desenvolverán por todo o territorio.

A achega da Deputación supón preto do 95% do financiamento necesario para levar a cabo esta iniciativa que pretende fomentar a igualdade efectiva das mulleres que viven no rural, promover a súa inserción laboral, como mecanismo clave de dinamización económica e para darlle visibilidade os éxitos empresariais encabezados por mulleres.