Deputación de Lugo

A Deputación inicia en Paradela os traballos da estrada LU-P-4202 que une Pacios e Currelos

Inicio dos traballos na LU-P-4202
- Estas obras consisten na mellora da drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización no treito que vai desde o punto quilométrico 3,250 ao 5,000 e que conta cun investimento da institución provincial de preto de 80.000€

A Deputación de Lugo vén de iniciar en Paradela os traballos da estrada provincial LU-P-4202, que é a que conecta Pacios e Currelos, no Saviñao, por Aldosende. Unhas obras nas que a institución provincial inviste preto de 80.000€ e que afectan ao tramo que vai desde o punto quilométrico 3,250 e o 5,000.

Concretamente, os traballos consistirán na mellora da drenaxe mediante a reapertura das cunetas, a súa limpeza e pavimentación nos puntos nos que sexa preciso; renovación do firme con aglomerado en quente, e renovación da sinalización mediante o pintado da vía con marcas reflexivas brancas e reposición da sinalización vertical. O prazo de execución destes traballos é de dous meses, pero a adxudicataria –FEVISA Vías y Obras SL- comprometeuse a telos rematadas en mes e medio desde o seu inicio.

Trátase dunha actuación importante, porque ese tramo da estrada provincial á altura do lugar de Toexe dá servizo a diferentes rutas de sendeirismo, ao mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño e ao antigo embarcadoiro. Permite ademais o acceso da veciñanza ás viñas da Ribeira Sacra.

Nos últimos anos, a Deputación xa investiu medio millón de euros para a mellora e renovación do pavimento de 12 quilómetros de estradas que unen Paradela e Currelos, no Saviñao. Esta mesma, onde se actuou noutros tres tramos –do inicio ata preto do quilómetro 3 e do 17 ata o 25,410, o final da vía- a LU-P-4201 (noutros tres treitos); a LU-P-4205; e a LU-P-5818.