A Deputación achega 24.000€ para impulsar o traballo da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, José Basilio Otero Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega á entidade 24.000€ para colaborar co funcionamento interno da Federación e cunha campaña de divulgación sobre a pesca na Mariña.
Este acordo, que foi asinado na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, ten por obxectivo primordial a promoción das tradicións mariñeiras e a concienciación social sobre os diferentes tipos de buques pesqueiros que operan na zona, incluíndo os de pesca artesanal, litoral, altura e gran altura. A campaña incluirá diversos materiais informativos e divulgativos, como carteis, pezas audiovisuais e folletos, que explicarán as partes principais dos buques e os seus nomes mariñeiros tradicionais. Ademais, seguiranse a realizar as visitas ao porto con institutos da comarca e de toda a provincia, que están a ter unha grande acollida para achegar as novas xeracións o importante labor pesqueiro.
José Tomé Roca destacou que esta achega é unha mostra do forte compromiso da Deputación de Lugo co sector pesqueiro, subliñando “a súa relevancia histórica, cultural e económica para a Mariña, así como o seu impacto cultural, e o volume económico e emprego que xera”.
Así mesmo, o Presidente valorou o traballo que leva a cabo a Federación porque “é fundamental para que tanto as embarcacións de altura, de gran altura, litoral e baixura poidan realizar o seu traballo traendo a porto un produto de máxima calidade e identidade na nosa provincia”.
A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo engloba ás confrarías de Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao, Celeiro e O Vicedo, as seis que actualmente se atopan na provincia.