Cultura
Deputación de Lugo

Leña Verde de Pol  celebra o trinta aniversario cunha xornada festiva que reivindica a dedicación desinteresada á cultura

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
IRIA CASTRO
cultura
LEÑA VERDE
música tradicional
Pol


A Vicepresidencia da Deputación colabora coa organización das actividades, que valorizan tres décadas de  traballo a prol da música tradicional

Leña Verde de Pol prepara para o vindeiro 10 de agosto unha xornada festiva para celebrar trinta anos de actividade na difusión da música tradicional e na dinamización cultural do concello de Pol e na contorna.

Mercedes Rielo, Luis Cedrón e Óscar Trigo -da directiva da entidade-, acompañados pola deputada de Cultura Iria Castro, presentaron as actividades programadas, que se desenvolverán durante todo do día na carballeira de Mosteiro, coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A xornada comezará cunha sesión vermú amenizada por Caivanca e un xantar popular (o Concello de Pol instalará mesas e asentos, podendo reservarse sitio chamando ao teléfono  de Leña Verde 657 876 450 ata o venres 9). Ademais, quen o desexe poderá mercar na carballeira polbo, churrasco e filloas (grazas á colaboración das filloeiras de Muimenta). A festa continuará durante a tarde coas actuacións de Leña Verde, do grupo de música tradicional portuguesa da Associaçao Cultural de Chafé, de Viana do Castelo, e de Uxía Senlle.

A deputada de Cultura Iria Castro felicitou ao colectivo, que puxo como “exemplo da importancia que ten o tecido asociativo na creación de actividade cultural nos concellos rurais e na promoción da música tradicional”.

Neste sentido, engadiu que “estes acontecementos reafírmannos no apoio aos colectivos culturais, que poñemos en marcha desde a área de Cultura, tanto a través de axudas directas, como de programacion como o Tradigalu (antes Musiqueando) no que Leña Verde veu participando nos últimos anos”.

As actividades programadas para o 10 de agosto celebrarán trinta anos de actividade que comezaron 1994 coa creación da asociación cultural e da formación musical, que recuperou o nome e o legado de dedicación á cultura do grupo escolar de música e baile tradicional Leña Verde que puxera en marcha nos anos 50 o mestre Daniel Pérez.

Ao longo das últimas tres décadas, máis de 80 persoas de Pol e da comarca participaron de forma directa na asociación cultural e no grupo musical, que gravou tres discos e creou un repertorio no que destacan as pezas do lembrado Javier Rodríguez, un músico que creaba as súas propias composicións (entre outras, “Airiños de Pol”, unha das máis emblemáticas nas actuacións de Leña Verde).

A edición dos discos, explica Oscar Trigo, contribuíu a financiar a actividade cultural que desenvolveron ao longo destes anos, cumprindo co propósito fundacional de contribuír a creación e á dinamización cultural do concello e da comarca. O Festival de Verán, a Festa de Outono e o Entroido son as celebracións máis populares da asociación polense, que reivindica “a dedicación desinteresada á cultura”.