Deputación de Lugo

O Presidente dá a saída en Lugo ao pelotón de La Vuelta que percorre a provincia grazas á Deputación

LA VUELTA 2024
Lugo
José Tomé Roca xunto á Alcaldesa de Lugo foi o encargado de cortar a cinta dunha etapa clave para a cita deportiva e insistiu no “importantísimo retorno económico” que este evento supón para o territorio e que a institución provincial patrocina con 40.000€

Os ciclistas saíron da capital lucense ao mediodía cara os Ancares, nun percorrido que amosa os atractivos da provincia ao seu paso polos concellos do Corgo, Baralla, Becerreá e Cervantes

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, deu este venres a saída en Lugo ao pelotón de La Vuelta nunha etapa que percorrerá a provincia grazas á institución provincial. O mandatario provincial foi o encargado de cortar a cinta dunha etapa clave para a cita deportiva e insistiu no “importantísimo retorno económico” que este evento supón para o territorio e que a institución provincial patrocina con 40.000€.

Acompañaron ao Presidente, no acto de cortar a cinta, a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos; e o director de La Vuelta, Javier Guillén. Antes rendeuse homenaxe a Santiago Seijas, un empresario atropelado durante unha cita ciclista nos Ancares, quen recibiu como agasallo unha figura da árbore da vida.

Lugo foi o escenario dun neutralizado que discorreu ao redor da Muralla romana desde Ramón Ferreiro. Os ciclistas saíron da capital lucense ao mediodía cara os Ancares, nun percorrido que amosa os atractivos da provincia ao seu paso polos concellos do Corgo, Baralla, Becerreá e Cervantes. Catro tramos montañosos e a riqueza paisaxística achegan ao itinerario, de 171 quilómetros, un atractivo extraordinario.
Tomé Roca puxo en valor La Vuelta como una proba que está na elite do ciclismo, ao nivel doutras citas mundiais como o Giro de Italia ou o Tour de Francia. E puxo o acento nun seguimento que supera os 400 millóns de espectadores de máis de 190 países, xerando “un grao de exposición mundial imposible de alcanzar doutro modo, cun retorno en promoción turística moi superior ao gasto”.

Desexou o Presidente que a proba, que mobiliza a unhas 3.000 persoas, se celebre “con normalidade e emoción” polo territorio lucense e convidou á veciñanza a desfrutar do paso de La Vuelta pola provincia.
Na saída do pelotón participaron tamén este mediodía o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; o Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández; o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López; o Vicepresidente da Deputación de Lugo, Efren Castro Caloto; o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades.

Tomé Roca participará pola tarde, sobre as 16:30 horas, na chegada do pelotón ao Porto de Ancares. A meta estará situada no concello leonés de Candín.