A Deputación destina 35.000€ a COGAMI para financiar os gastos do Centro de Atención Diúrna de Fingoi
- As persoas que acoden a este centro reciben unha atención personalizada e individualizada que pretende mellorar a súa autonomía e potenciar as súas funcións físicas, cognitivas e motoras
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Anxo Antón Queiruga Vila (COGAMI), un convenio entre a institución provincial e esta entidade mediante o cal a Deputación achega 35.000€ para colaborar cos gastos de financiamento do Centro de Atención Diúrna Terapéutica Fingoi-Lugo. Neste acto de sinatura, que tivo lugar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, tamén asistiu o presidente desta entidade en Lugo, José Luis Lolo Celeiro.
COGAMI conta con cinco instalacións deste tipo situadas en diferentes puntos da xeografía galega. Ao centro de Lugo acoden 35 persoas con discapacidade física e, tras a avaliación que realiza o equipo de profesionais desta entidade social e tendo en conta as súas necesidades, os usuarios e usuarias reciben unha atención completamente individualizada e personalizada.
O servizo de atención diúrna que ofrece COGAMI ten como obxectivo principal promover a participación social dos usuarios na súa contorna a través da mellora do seu desenvolvemento autónomo. Así mesmo, potencia as súas funcións físicas, cognitivas e motoras de maneira integral e fomenta a adquisición de habilidades sociais e de autosuficiencia. Ademais, este servizo complementa outras iniciativas que pon en marcha a entidade noutros puntos da provincia, como campañas de sensibilización ou diferentes actividades formativas.
COGAMI
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade xorde no ano 1990 seguindo o modelo doutras organizacións nacionais para potenciar o movemento asociativo e para dar solucións ao illamento no que vivían a maioría das persoas con discapacidade, especialmente no ámbito rural. O seu propósito principal é conseguir a plena inclusión dos seus usuarios e usuarias en todos os ámbitos da sociedade a través da defensa e a promoción dos seus dereitos, entre outras cuestións.