Deputación de Lugo

O Presidente inaugura o aparcadoiro gratuíto do Fogar de Santa María con 164 prazas no centro de Lugo grazas á Deputación

José Tomé Roca
Fogar de Santa María
Inauguración do aparcamento no Fogar de Santa María
- Do total dos estacionamentos 33 quedarán reservados para persoal autorizado e 131 estarán dispoñibles desde esta mesma tarde para toda a veciñanza. O horario será os días laborables, de 16:00 a 00:00 horas, e as fins de semana e festivos de 08:00 a 00:00 horas

- José Tomé subliñou que esta actuación, na que a institución provincial investiu 465.000€, “permitiunos facer máis accesible, máis cómodo e máis útil este espazo no que nos atopamos” e destacou que con este proxecto “ofrecemos a toda a cidadanía máis prazas de aparcamento, fóra do horario laboral dos traballadores provinciais”

- As obras afectaron aos pavillóns 1, 2, 3 e 4 do complexo de Santa María e consistiron na repavimentación da zona, na execución dunha rede de pluviais e na instalación do alumeado, a sinalización e a correspondente humanización do espazo mediante o axardinado, entre outras actuacións

- Pola súa banda, a Alcaldesa de Lugo felicitou á institución provincial pola apertura deste aparcadoiro público “que vai dar un gran servizo ás e aos lucenses, e que vai contribuír ademais a avanzar nese cambio de mobilidade dunha cidade máis sostible e cunha maior calidade de vida no que estamos a traballar desde o Goberno local”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos Fondo, inauguraron este xoves as novas prazas de aparcadoiro gratuítas do Fogar de Santa María. Un proxecto no que a institución provincial investiu 465.000€ para crear 164 estacionamentos, dos cales 33 quedarán reservados a persoal autorizado (traballadores de Deputación provincial e Policía Nacional) e 131 estarán á disposición da veciñanza desde esta mesma tarde. O horario de apertura -ao marxe da xornada laboral- será os días laborables, de 16:00 horas a 00:00 horas, e os fines de semana e festivos de 08:00 horas a 00:00 horas. 

José Tomé subliñou que esta actuación “permitiunos facer máis accesible, máis cómodo e máis útil este espazo no que nos atopamos” e destacou que as obras melloraron as condicións dos empregados públicos da Deputación “pero tamén permitiunos ofrecer a toda a cidadanía máis prazas de aparcamento, fóra do horario laboral dos traballadores provinciais”.

O mandatario provincial recordou que “como xa anunciamos no seu día, das 90 prazas de estacionamento que había neste recinto, pasamos ás 164 grazas a este proxecto. Multiplicando exponencialmente a capacidade de aparcamento e creando o párking gratuíto máis grande de Lugo, que ademais está en pleno centro da cidade”.

Tomé Roca aproveitou para responder ao Partido Popular e destacou que “nós non nos movemos polas historias que outros montan e cando tivemos todo perfilado puxemos este servizo a disposición dos veciños e veciñas, mentres tanto non poden darnos leccións de nada”.

No acto de inauguración, que tivo lugar no entorno do Fogar de Santa María, acompañaron ao Presidente e á Alcaldesa a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez; e a Concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira. 

Obras de acondicionamento


Os traballos afectaron á contorna dos pavillóns 1, 2, 3 e 4 do complexo de Santa María, e consistiron na demolición do antigo pavimento e na preparación dunha nova plataforma. Tamén se realizou a execución dunha rede de pluviais coas conexións necesarias aos sumidoiros e ás baixantes dos edificios. Ademais, dotouse á zona de alumeado, xunto coa correspondente pavimentación, e humanizouse o espazo co axardinado. Tamén se acondicionou o acceso peonil entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios e, finalmente, colocouse a sinalización.

Nesta liña, Tomé Roca afirmou que “esta reforma completa o investimento de 1,7M€ que fixemos desde a Deputación para a rehabilitación dos pavillóns 1 e 2 do Fogar de Santa María. Dedicando en total máis de 2,2M€ a este emblemático complexo”.

Estreita colaboración co Concello de Lugo


Así mesmo, José Tomé sinalou que “este proxecto foi posible grazas ao diálogo e á colaboración fluída e constante que mantemos entre o Concello de Lugo e a Deputación” e que concorda co modelo de cidade “que impulsou primeiro a Alcaldesa, Lara Méndez, que continúa Paula Alvarellos e que compartimos e apoiamos desde a institución provincial”. 

“Mellorar a mobilidade, humanizar espazos e poñelos á disposición da veciñanza, son cuestións que responden a un modelo de desenvolvemento sostible ao servizo das persoas polo que apostamos desde a Deputación e que son un dos eixos centrais da nosa acción de Goberno”, remarcou José Tomé. 

Pola súa banda, Paula Alvarellos felicitou á Deputación pola apertura deste aparcadoiro público “que vai dar un gran servizo ás e aos lucenses, e que vai contribuír ademais a avanzar nese cambio de mobilidade dunha cidade máis sostible e cunha maior calidade de vida no que estamos a traballar desde o Goberno local”. Ademais, a Alcaldesa valorou o “esforzo económico que fixo a Deputación” e comentou que “isto é o exemplo perfecto de como se pode avanzar en proxectos claves para Lugo a través da cooperación entre administracións”.

“Considero que é necesario que outras administracións tomen nota do que se pode conseguir a través da colaboración e por iso, desde o Concello de Lugo, pedimos unha vez máis á Xunta que abra en horario de tarde os aparcadoiros dos institutos e do multiusos, en aras de optimizar o funcionamento da cidade”, finalizou a Alcaldesa.