Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Rural reforza a colaboración con Asoporcel para impulsar a promoción do produto, coindindo co 25 aniversario da entidade

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
RURAL
ASOPORCEL
DANIEL GARCÍA FERNÁNDEZ

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo reforzará a colaboración con Asoporcel para contribuír ao financiamento das iniciativas de promoción do consumo de carne desta raza autóctona que a asociación de criadores desenvolverá coincidindo co 25 aniversario dentro da campaña “25 anos coidando da raza”.

O deputado Daniel García mantivo un  encontro de traballo con representantes da entidade, na que se acordou unha colaboración excepcional de 12.000 euros e na que se puxo en relevo o traballo desenvolvido pola entidade na recuperación da raza e na promoción dos seus produtos nas feiras e mercados de proximidade como un referente de calidade.

O responsable provincial sinalou que “a viabilidade económica das granxas depende fundamentalmente da demanda do produto polo que coincidimos con Asoporcel en que unha das mellores maneiras de apoiar ás criadoras e criadores é poñer en valor as calidades gastronómicas da súa carne”.

A colaboracion afonda no apoio que a área de Rural prestou as degustacións na Praza de Abastos de Lugo e noutras feiras e mercados de proximidade da provincia nos últimos meses.  Súmase á participación de criadores e criadoras no catálogo da oferta formativa de educación infantil e primaria Da Escola á Granxa e no programa de axudas a investimentos de gandería extensiva O que non arde

25 anos de Asoporcel

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta creouse en 1999 para canalizar as labores de recuperación e conservación desta raza autóctona que comezaran coa creación dun banco de animais vivos en Triacastela, onde se localizaran algúns dos últimos exemplares.

A entidade encárgase da xestión do libro xenealóxico e do programa de cría da raza, así como da certificacion e verificación da trazabililade dos produtos comercializados co selo 100% Raza Autoctona Porco Celta,  que dinamiza con diferentes accións de promoción.

Foto. Cristina López, concelleira de Participación de Lugo, Daniel Garcia, deputado de Rural, Mar e Mocidade, e Iván Rodríguez e Cruz Castro, de Asoporcel