Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación aproba unha nova convocatoria para adxudicar 83 hortos urbanos no Río Rato

hortos urbanos
A Xunta de Goberno sacou adiante hoxe o proceso de concorrencia competitiva para conceder autorizacións de uso das parcelas dispoñibles, tanto paras que finalizaron o período de uso de 4 anosou para cubrir as que están vacantes

“Mantemos os mesmos requisitos e criterios, priorizandoaos usuarios e usuarias que viñan desfrutando destes espazos, co fin de fomentar a agricultura ecolóxica, a concienciación ambiental e o lecer saudable”, sinalou PabloRivera Capón

As bases publicaranse no BOP nospróximos días, e os interesados terán 10 días hábiles desde o día seguinte á publicación para presentar a documentación

Aprobados tamén dous convenios de colaboración cos Concellos de Quiroga por 39.000€ para o acondicionamento do camiño de Teo; e con Lugo por 40.000€ para a celebración de La Vuelta

A Xunta de Goberno aprobou este venres unha nova convocatoria para adxudicar un total de 83 hortos urbanos da institución provincial que quedaron dispoñibles no Paseo do Río Rato. Así o anunciou o Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, trala reunión celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos. “Trátanse da sexta fase desta convocatoria e ten como obxectivo renovar as 75 autorizacións de uso concedidos durante a 1ª e 2ª fase, nas que está a piques de rematar o período de vixencia de 4 anos que establece a Lei”. Ademais, sinalou o Deputado, neste proceso a institución provincial asignará outros 8 hortos que están actualmente vacantes, debido a renuncias ou procedementos sancionadores, “co que completaremos os 150 que están habilitados no Rato”.

Así mesmo, o Deputado subliñou que se manterán os mesmos requisitos e criterios que en fases anteriores, seguindo o regulamento establecido pola institución provincial para a concesión destes espazos. “Darase prioridade a aqueles usuarios e usuarias que viñan desfrutando dunha destas parcelas, e a asignación de cada horto realizarase mediante sorteo público, asignando unha parcela por solicitante e por unidade familiar”. 
Poderán presentar solicitudes todas as persoas físicas ou asociacións de Lugo e concellos limítrofes que non posúan terreos cultivables. Se as solicitudes superan as parcelas dispoñibles, aplicarase unha valoración por criterios sociais, priorizando a persoas en desemprego, con rendas baixas, familias numerosas ou xubilados. Os colectivos sen ánimo de lucro e representantes de centros educativos tamén terán prioridade.


As bases da convocatoria publicaranse no Boletín Oficial da Provincia nos próximos días. A partir do día seguinte, os interesados terán 10 días hábiles para presentar as súas solicitudes no Rexistro da Deputación ou a través da Sede Electrónica.
Os beneficiarios poderán usar os hortos gratuitamente por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga de ata 4 anos, e contarán cun servizo de mantemento e asesoría gratuítos. Os solicitantes que non consigan unha adxudicación formarán parte dunha lista de agarda para cubrir posibles renuncias.
PabloRivera Capón destacou que este proxecto, iniciado en marzo de 2021, busca fomentar a agricultura ecolóxica, a concienciación ambiental e o lecer saudable.

Colaboracións con Quiroga e Lugo

Na Xunta de Goberno aprobáronse dous acordos de colaboración cos Concellos de Quiroga e Lugo. No caso do de Quiroga, a Deputación destina preto de 39.000€ ao acondicionamento do camiño do Teo, na localidade de Parteme, na parroquia de Nocedo. Con esta actuación a entidade local mellorará o seu estado mediante limpeza, movementos de terra, aplicación de zahorra artificial e pavimentación asfáltica. O prazo de execución estimado é dun mes.
En canto ao Concello de Lugo, aprobouse unha achega de 40.000€ para a celebración da etapa 13 de La Vuelta, que deixou un impacto positivo na provincia, atraendo 1,3 millóns de espectadores en España e sendo retransmitida en 190 países. O evento mobilizou aproximadamente 3.000 persoas, beneficiando notablemente a hoteis e comercios locais.

Entrega dos Premios á Excelencia Turística e Gastronómica 

Na reunión desta mañá aprobáronse tamén os Premios á Excelencia de Turismo e Gastronomía, que recoñecen as iniciativas máis destacadas en Lugo. Os galardoados recibirán a distinción o venres, 27 de setembro, nunha gala no Pazo de San Marcos, coincidindo co Día Mundial do Turismo.


Nesta edición, homenaxearanse: na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, a Ruta dos Lobos da Fonsagrada e a Mina Consuelo e Boulloso da Pontenova; na categoría ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense, a Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil e a Feira do Capón de Vilalba; e, no ámbito do Turismo Sostible, o Barco Museo Reina del Carmen de Burela. Estes premios representan un merecido recoñecemento á traxectoria de empresas, persoas e entidades que contribúen ao desenvolvemento do turismo e da gastronomía na provincia.

Lugo Termal e modificación contrato de vixilancia

Ademais, na Xunta de Goberno desta mañá aprobouse a licitación dos servizos para o desenvolvemento do programa Lugo Termal, co obxectivo de impulsar o turismo de proximidade e a actividade económica, ao tempo que se favorece o benestar e a calidade de vida da veciñanza da provincia. O orzamento base da licitación supera os 121.000€ e ten unha duración inicial de un ano, prorrogable por un adicional, sen que a duración total exceda os tres anos.


Así mesmo, saíu adiante unha modificación do contrato para o mantemento do servizo de vixilancia nas dependencias da Deputación, que permitirá estender este servizo ás instalacións da Granxa Gaioso, situada en Castro de Rei. Esta modificación, cun importe de 92.000€, terá vixencia desde o próximo outubro ata agosto do ano seguinte, e a empresa encargada da prestación do servizo será ILUNION SEGURIDAD S.A.