Deputación de Lugo
Medio ambiente

Aberto o prazo para solicitar os 83 hortos urbanos da Deputación dispoñibles no Parque do Rato

hortos urbanos
Poden optar a estes espazos de xeito gratuíto as persoas maiores de idade, empadroadas nos concellos de Lugo, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín ou Outeiro de Rei, exentas de obrigas coas administracións públicas, que non posúan terreos cultivables e que non convivan con outra persoa usuaria deste servizo

Desde hoxe e ata o luns 14 de outubro, os interesados e interesadas poderán presentar a súa solicitude no Rexistro da institución provincial ou a través da sede electrónica

A Deputación de Lugo ten aberto desde hoxe, martes, o prazo para solicitar os 83 hortos urbanos dispoñibles no Parque do Rato. Poden optar a estes espazos, de xeito gratuíto, as persoas maiores de idade, empadroadas nos concellos de Lugo, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín ou Outeiro de Rei que estean exentas de obrigas coas administracións públicas, que non posúan terreos cultivables na capital da provincia e que non convivan con outra persoa usuaria deste servizo.

Desde hoxe e ata o luns 14 de outubro, os interesados poderán presentar a súa solicitude no Rexistro da institución provincial ou a través da sede electrónica da Deputación. Xunto co DNI, será necesario presentar o certificado de empadroamento e o de estar ao día coas obrigas tributarias, de non ter débedas coa comunidade autónoma e coa Deputación e de estar ao corrente coas obrigas da Seguridade Social, o resto da documentación estará dispoñible en Atención ao Cidadán, no Pazo de San Marcos; no Servizo de Medio Ambiente, no Fogar de Santa María e na web da Deputación de Lugo: http://deputacionlugo.gal/.

Se as solicitudes superan as parcelas dispoñibles, aplicarase unha valoración por criterios sociais, priorizando a persoas en situación de desemprego, con rendas baixas, familias numerosas ou xubilados. Os colectivos sen ánimo de lucro e representantes de centros educativos tamén terán prioridade. Ademais, os beneficiarios poderán usar os hortos gratuitamente por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga de ata 4 anos, e contarán cun servizo de mantemento e asesoría gratuítos. Os solicitantes que non consigan unha adxudicación formarán parte dunha lista de agarda para cubrir posibles renuncias.