Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia obras de mellora na ponte que conecta os concellos de Ribas de Sil e Quiroga

LU-P-5006
Ribas de Sil
Quiroga
Os traballos de conservación, nos que a institución provincial inviste preto de 40.000€ consisten no fresado, reposición, pavimentación, reparación da varanda, substitución dunha luminaria, reparación estrutural das beirarrúas e sinalización

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de mellora na ponte que conecta os concellos de Ribas de Sil e Quiroga, na LU-P-5006. Os traballos de conservación, nos que a institución provincial inviste preto de 40.000€, afectan a esta vía situada no límite municipal, que une as estradas autonómicas LU-933 e LU-651, salva o río Sil, e é fundamental para as comunicacións desta comarca.

Estas obras, que contan cun prazo de execución de dous meses, inclúen o fresado e reposición dunha zona con afundimentos, pavimentación da estrada completa, reparación e pintado da varanda metálica, substitución dunha luminaria, reparación estrutural das beirarrúas e sinalización co pintado das marcas viais.

Trátase dunha actuación moi importante porque esta ponte é empregada a diario pola veciñanza de San Clodio -a capitalidade de Ribas de Sil- e a vila de Quiroga, dando un servizo fundamental a un territorio no que se concentran preto de 4.000 persoas. A proximidade entre estes núcleos de poboación, apenas 1,5 quilómetros, fai que ambas localidades compartan recursos e servizos. Ademais, esta ponte dá servizo directo ao Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana (CIMAR), un recurso turístico de importancia na contorna.