Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a Tasca do Liño de Insua que cumpre 16 anos de historia e legado cultural

Pilar García Porto
tasca do liño
Presentación da Tasca do Liño
- A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, xunto á Alcaldesa de Vilalba e á presidenta da Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, presentou esta cita que se celebrará o vindeiro sábado no Campo da Festa da parroquia chairega

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este xoves no Pazo de San Marcos a décimo sexta edición da Tasca do Liño de San Bartolomeu de Insua, en Vilalba, que se celebrará o vindeiro sábado na parroquia chairega co apoio da Deputación de Lugo. No acto, tamén participaron a Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e a presidenta da Asociación Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero Mato. 

García Porto felicitou á entidade organizadora da Tasca do Liño, poñendo en valor que a cita “é un referente na provincia de Lugo, promovendo a recuperación das tradicións e a historia do rural”. “A Tasca evidencia a riqueza do rural, onde se extrae fío do liño para vestiarios e usos domésticos, representando unha práctica que combina traballo e socialización”, sinalou a Deputada.

Incidiu neste sentido en que a Deputación colabora con esta iniciativa cunha achega de 2.000 euros, porque “contribúe a coidar o legado cultural e á promoción do rural, considerando as tradicións como ferramentas para avanzar cara a un futuro mellor”. A preservación das tradicións é fundamental para o desenvolvemento do rural, e iniciativas como esta empoderan á comunidade. 

O programa


A XVI edición da Tasca do Liño comezará o vindeiro sábado pola mañá ás 11:00 horas coa lectura do pregón a cargo da docente e historiadora Marisa Barreiro. Posteriormente, haberá unha demostración da tasca do liño, e unha exhibición do arte dos oficios tradicionais e de diversos proxectos rurais. 
Pola tarde, ás 16:30 horas, actuará o grupo tradicional Mestura de Nete, e unha hora máis tarde haberá outra demostración da tasca do liño. Sobre ás 18:00 horas terá lugar a degustación do Cacho que estará amenizada polo grupo musical dos Festicultores. Finalmente, ás 20:00 horas, terá lugar o Conxuro da Queimada, a cargo do Meigo do Lume.