Deputación de Lugo

O Presidente inaugura a 51ª reunión da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria que acolle o Pazo de San Marcos

José Tomé Roca
Inauguración reunión SOGAPAR
- Baixo o título de Fusilando a los ponentes, especialistas que participan hoxe e mañá no Salón de Actos da Deputación nun encontro que, tal e como valorou José Tomé Roca “reforza o papel de Lugo no I+D+i e na innovación”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este venres no Pazo de San Marcos a 51ª reunión da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria (SOGAPAR). Baixo o título de Fusilando a los ponentes, especialistas de toda España participan hoxe e mañá o Salón de Actos da sede provincial nun encontro que, tal e como valorou o mandatario provincial, “reforza o papel de Lugo no I+D+i e na innovación”.

Xunto a Tomé Roca participaron no acto a presidenta da xunta directiva de SOGAPAR, Marina Blanco; e o presidente do comité organizador, Luis Alejandro de Llano.

Logo de dar a benvida á provincia, José Tomé sinalou que “desde a Deputación facemos unha defensa da sanidade pública e da dignidade do traballo dos médicos e do persoal sanitario. Non pode haber unha sociedade con boa saúde se non coidamos primeiro dos nosos médicos”. Sinalou que “os avances das vosas especialidades son os de toda a sociedade, tanto no tratamento como na difusión dos hábitos saudables”.

O programa da reunión comezou esta tarde con tres mesas redondas, unha sobre a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), outra da doenza pulmonar intersticial e unha última de asma. A última hora está prevista tamén a celebración da asemblea de SOGAPAR e a programación continuará mañá, ás 9:30 horas, para abordar o cancro de pulmón, a hipertensión pulmonar e a ventilación e o sono.
 

Inauguración reunión SOGAPAR 2