Deputación de Lugo

A Deputación impulsa o servizo de orientación laboral de FADEMGA que favorece a empregabilidade de case 400 persoas

FADEMGA
José Tomé Roca
Sinatura convenio con FADEMGA
- O Presidente, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración co presidente desta entidade, Eladio Fernández Pérez, mediante o cal a institución provincial achega 2.500€ para colabora con este servizo

- José Tomé enmarcou este acordo de colaboración “no compromiso que mantemos desde a institución provincial coa inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual”

- Formada por 41 entidades galegas e máis de 7.000 socios, FADEMGA leva 45 anos desenvolvendo proxectos dirixidos a mellorar a calidade de vida dos seus usuarios e as súas familias

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración co presidente da Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA), Eladio Fernández Pérez, a través do cal a institución provincial realiza unha achega económica de 2.500€ para colaborar co servizo de orientación laboral desta entidade. 

Tomé Roca enmarcou este acordo de colaboración “no compromiso que mantemos desde a Deputación de Lugo coa inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual”. Nesta liña, o mandatario provincial remarcou que “as administracións públicas debemos traballar da man do tecido asociativo co obxectivo de eliminar barreiras e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria para todas as persoas”. 

Esta prestación, que conta coa consideración de ser Centro Colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia desde o ano 2004, atende de xeito directo a case 400 persoas con discapacidade intelectual da provincia de Lugo. Así mesmo, e tendo en conta as súas familias, son máis de 700 as persoas que resultan beneficiarias deste programa específico no que se inclúen actuacións dirixidas a potenciar o seu desenvolvemento e a toma de decisión autónomas. Ademais, tamén lles facilita unha serie de recursos para a procura de emprego co obxectivo de que poidan conseguir un posto de traballo. 

Os usuarios e deste servizo deben ter acreditada unha discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, ser maiores de 16 anos, residir nun concello da provincia de Lugo e estar inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

FADEMGA


A Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento nace no ano 1979 e a día de hoxe está formada por 41 entidades galegas e máis de 7.000 socios. A entidade promove accións e servizos encamiñados a mellorar a calidade de vida dos seus usuarios co obxectivo de unificar criterios, fomentar actividades conxuntas, proporcionar formación permanente e divulgar información, entre outras actuacións.