Deputación de Lugo

A Deputación impulsa as xornadas Luis Asorey, que abordan dende hoxe a alimentación e o medio ambiente na saúde

Luis Asorey
miguel fernández
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, inaugurou este luns no Pazo de San Marcos o ciclo de conferencias –que continuará ata o 26 de novembro-, xunto ao presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio, e o coordinador da iniciativa, Antonio Rigueiro

Miguel Fernández destacou a temática das xornadas que “son un exemplo claro de como o rural está cheo de oportunidades e ideas innovadoras, o único que necesitamos é darlles o apoio necesario desde as institucións, de maneira decidida e coherente”

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, inaugurou este luns a 35ª edición das xornadas Luis Asorey, que organiza a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) coa colaboración da Deputación de Lugo e o Campus Terra. O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá polas tardes, de 19.00 a 21.00 horas, ata o vindeiro martes día 26 de novembro este ciclo de xornadas, que este ano abordan asuntos relacionados coa alimentación e o medio ambiente na saúde. 

Miguel Fernández abriu o foro, que reúne un cento departicipantes, xunto ao presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio, e o CatedráticoAntonio Rigueiro, coordinador das xornadas. Destacou a temática desta edición das xornadas “que representa unha oportunidade única para reflexionar sobre a importancia dunha alimentación sostible, baseada en produtos de proximidade, como a nosa dieta atlántica, e para abordar o impacto positivo que esta pode ter tanto na nosa saúde como na protección do medio ambiente”. 

Subliñou que “iniciativas como esta son un exemplo claro de como o rural está cheo de oportunidades e ideas innovadoras, o noso territorio ten moito que ofrecer, só necesitamos darlle o apoio necesario desde as institucións, de maneira decidida e coherente", afirmou o Deputado, quen fixo fincapé na importancia de aproveitar os recursos locais de forma respectuosa co medio ambiente.

Rematou o Deputado felicitando aos organizadores polo completo e interesante programa deseñado para esta edición, e amosouse convencido de que “estes días de reflexión e debate darán lugar a novas ideas e proxectos que, sen dúbida, contribuirán a mellorar tanto a saúde das persoas como a sostibilidade do noso medio ambiente”.

Programa

A trixésimo quinta edición das xornadas Luis Asorey, que se desenvolverán todos os días entre as 19:00 e as 21:00 horas, arrancaron este luns cunha conferencia impartida por Antonio Rigueiro sobre a relevancia do monte e a natureza na nosa alimentación e saúde. O martes 19, Rosaura Leis abordará o valor da dieta atlántica en relación á saúde e á sostibilidade. Ángeles Romero afondará o mércores 20 no envellecemento saudable a través da nutrición. O 21, xoves, o tema será as vantaxes e diferenzas nutricionais dos alimentos ecolóxicos, a través dunha conferencia de Dolores Raigón. 

A semana seguinte, Ángel Carracedo achegarase o luns 25 á relación entre a xenética, o medio ambiente e a saúde. Durante a xornada do martes 26, Gumersindo Feijoo tratará a dieta atlántica en comparación con outras dietas convencionais. Como remate do ciclo, o doutor José María de Matías explicará o valor da dieta atlántica para a prevención da obesidade e de enfermidades endócrinas.