Deputación de Lugo

A Deputación e o Concello de Ribas de Sil investirán máis de 180.000€ na mellora de servizos e dotacións públicas

Ribas de Sil
José Tomé Roca
O Presidente da institución provincial asinou co Alcalde un acordo de colaboración para acometer un conxunto de actuacións nos camiños municipais, no cámping, no alumeado público e na adquisición de nova maquinaria

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinouco Alcalde Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, un acordo de colaboración a través do cal a institución provincial financia cunha achega de 118.000€ para desenvolver un conxunto de actuacións que mellorarán os servizos e dotacións públicas deste municipio. Os proxectos teñen un orzamento total de 182.211,71 €, dos que o Concello achega a cantidade restante. 

En concreto, vaise facer a instalación eléctrica do cámping, a optimización enerxética das instalacións do alumeado público, adquirir programadores astronómicos para o alumeado público e farase un conxunto de melloras na casa consistorial.

Así mesmo, pavimentaranse os camiños na Cabarca e Piñeira, e mellorarase o camiño de Filgueiro aos Vilares. Tamén se vai adquirir un compresor para a ETAP, unha rozadoira lateral para a prevención de lumes forestais e un remolque plataforma para o transporte de maquinaria. Ademais de adquirir dúas parcelas no termo municipal de Ribas de Sil.

O mandatario provincial encadrou esta colaboración na función da Deputación como Concello dos Concellos, e destacou que “son actuacións que municipios pequenos coma Ribas de Sil por si sós non poden asumir, dende a institución provincial buscamos garantir que poidan acceder a recursos e oportunidades para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas. Ademais, o Alcalde agradeceu este apoio, sinalando que este proxecto supón un avance significativo para o seu concello.