A Deputación participa na Xunta Reitora da UNED que aproba a programación de extensión universitaria 2024-2025

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na Xunta Reitora da UNED que se celebrou na sede do centro universitario e na que se aprobou unha “ambiciosa” programación de extensión universitaria para o curso académico 2024-2025.
Durante este encontro, a directora do centro asociado da UNED en Lugo, Ana Traseira, informou que a programación incluirá 80 actividades das cales 61 se desenvolverán en Lugo e o resto nas aulas de Sarria, Monforte de Lemos, Viveiro e Foz. Unha programación que, segundo relatou Traseira,“abrangue temas de actualidade e relevancia social, como a crise climática, a inclusión social, a innovación tecnolóxica e a saúde mental”.
No encontro fíxose tamén balance o “récord histórico” na matrícula de ensinanzas oficiais da UNED na última década, acadando un total de 1.115 estudantes este curso, o que supón un incremento do 9% respecto do ano anterior.