Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación colabora na mellora do equipamento do Club de Remo de Ribadeo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
CLUB REMO RIBADEO
DANIEL GARCÍA
Daniel García visitou o club ribadense, que adquiriu unha nova embarcación cunha achega provincial

O deputado Daniel García visitou as instalacións do Club de Remo de Ribadeo, que ampliou o seu equipamento coa compra dunha nova embarcación coa colaboración da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Trátase dunha embarcación de dúas prazas, con materiais e deseño punteiro que, segundo explicou o presidente do club Jesús Carreira, mellora as condicións nas que adestran  e compiten as remeiras e remeiros da entidade xa que, apuntou, a calidade das embarcacións é moi relevante nas competicións de remo.

Daniel García aproveitou a visita para felicitar ao club polo corenta aniversario, que conmemoraron esta fin de semana, e destacou “a súa configuración como club de base, coa que conseguen incorporar nenas e nenos a unha tradición deportiva moi relevante en Ribadeo e que ademais ten grandes resultados a nivel competitivo,  con remeiros e remeiras que destacan entre os mellores de Galicia e do Estado nas súas idades”.

O Club de Remo de Ribadeo, que recibiu 5.000 euros para esta renovación do equipamento,  conta cunha vintena de remeiras e remeiros de categorías de formación, que compiten ao máis alto nivel estatal e galego nas súas respectivas categorías.