Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación destina preto de 40.000€ á Fonsagrada para completar o museo dedicado a Forges

a fonsagrada
O Presidente, José Tomé Roca, asinou co Alcalde fonsagradino, Carlos López López, un acordo mediante o que a institución provincial financia a museografía, o equipamento e as obras de impermeabilización da fachada

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración co Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, para colaborar no financiamento necesario para completar o museo dedicado a Forges que está levando a cabo este concello da Montaña. Mediante este acordo, a institución provincial achegará preto de 40.000€ que se destinarán á museografía, o equipamento e as obras complementarias do edificio para que este sexa funcional.

Tomé Roca enmarcou esta colaboración na liña de acción do Goberno provincial de cooperar cos 67 concellos da provincia, “para dotalos de servizos públicos de calidade” e valorou este acordo coa Fonsagrada como “moi positivo para a comarca, porque servirá para dinamizar a Montaña económica, social e culturalmente en torno a este artista gráfico tan vencellado á localidade lucense”

Concretamente, a Deputación destinará 18.367,80€ ao equipamento deste espazo. Un investimento que servirá para revisar e adaptar a instalación eléctrica e as telecomunicacións; para o subministro e a colocación de vinilo informativo e o rótulo da fachada exterior; o subministro e montaxe das vitrinas, asentos e outros mobles necesarios; e para a subministración e instalación dunha pantalla. Outros 16.819€ estarán destinados á museografía: á realización do proxecto museolóxico, á creación dunha identidade gráfica, a labores de comunicación para a difusión do centro cultural e á elaboración de recursos didácticos.

Ademais, dentro deste convenio inclúense outros 1.425€ para as obras complementarias de diferentes elementos da fachada, como a colocación dunha canaleta de paso de cableado, actuacións destinadas a mellorar a impermeabilización da cuberta e ao mantemento e posta en marcha do reloxo da fachada principal.