A Deputación asiste á presentación dun plan para potenciar a imaxe de Galicia como destino termal
A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, asistiu este venres en Ourense á presentación dun plan para potenciar a imaxe de Galicia como destino termal. Algo que, segundo destacou Morandeira, “levamos moitos anos facendo na nosa provincia desde a Deputación no convencemento de que reforza o noso modelo de turismo: de calidade, sostible, de experiencias, que deixa visitantes no territorio ao longo de todo o ano”.
Nese sentido, a Deputada afondou en que precisamente este ano a institución provincial incrementou ata as 1.700 prazas o Lugo Termal, un programa da Deputación de Lugo dirixido ás persoas maiores de 50 anos, co obxectivo de fomentar o turismo termal e o benestar entre os veciños e veciñas da provincia de máis idade.
O Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 contará con 8M€ para reforzar a rede de fontes termais que ten a comunidade autónoma, con máis de 20 balnearios, 4 deles na provincia de Lugo: Guitiriz, Lugo, Río Pambre (Palas de Rei) e Augas Santas (Pantón).