A Vicepresidencia da Deputación leva a exposición sobre música en galego Galegoza ao IES Lama das Quendas de Chantada
O IES Lama das Quendas de Chantada acolle desde hoxe a mostra Galegoza. A canción en galego, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para dar a coñecer ao público máis novo a amplísima oferta musical no noso idioma.
A deputada de Cultura Iria Castro participou este mediodía na inauguración da exposición na que o comisario e crítico musical Pepe Cunha repasou co alumnado de 4º de ESO os contidos dos paneis, un percorrido histórico pola música en galego desde os anos sesenta ata a revolución creativa actual, a través das bandas e solistas máis influíntes en diferentes estilos -ritmos tradicionais revisados e actualizados, pop, rock, canción de autoría, experimentación e electrónica, músicas urbanas, hip hop ou rap-.
Iria Castro animou ás alumnas e alumnos "a escoitar as listas de reprodución que acompañan a exposición com temas de todos os estilos musicais que demostran que o galego non ten límites" e lembrou "o papel que Chantada tivo para a música en galego como berce do Movemento Bravú e proxectos como o Castañazo, que desde o inicio apoiaron as bandas de música en galego"
A mostra estreouse o pasado 9 de outubro no IES Xograr Afonso de Sarria e, nas últimas semanas, estivo no IES Pedregal de Irimia de Meira, no IES Lucus Augusti, no IES Río Cabe de Monforte e no IES de Quiroga.