Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

O Pazo lanzará o sábado unha mensaxe a prol da accesibilidade cun partido homenaxe a Auxilia, coa colaboración do Breogán e da Vicepresidencia da Deputación

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
CB Breogán
AUXILIA
Accesibilidade

O CB Breogán dedicará o encontro do vindeiro sábado no Pazo dos Deportes (Breogán-Bilbao Basket, 18.00 horas) a visibilizar o labor de Auxilia Lugo a prol da accesibilidade e da igualdade de oportunidades para persoas con discapacidade.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o director xeral do Breogán Salva Arco e a delegada de entidade en Lugo Nuria Neira presentaron esta mañá a iniciativa, que implica  a difusión do traballo e dos servizos de Auxilia nas redes sociais do club celeste e nos soportes publicitarios do Pazo durante o encontro. Ademais, un grupo de persoas usuarias de Auxilia recibirán entradas para asistir ao encontro deste sábado.

Efrén Castro recordou que “a Auxilia debemos moitos dos avances en accesibilidade na cidade de Lugo. A súa loita foi determinante en actuacións en edificios e monumentos emblemáticos como a rampa de acceso ao Museo Provincial ou o ascensor á Muralla, pero sobre todo nunha maior sensibilidade sobre a necesidade de avanzar cara a espazos máis accesibles”. “O CB Breogán ofrece unha plataforma extraordinaria para concienciar e implicar á sociedade en causas coma estas que melloran a vida de todas e todos, polo que é un orgullo para nós poder ofrecela a través destas iniciativas”, explicou o responsable provincial.

A delegada de Auxilia Nuria Neira explicou que “en maio cumpriremos 53 anos traballando para facer visibles e normalizar a vida das persoas con discapacidade, que da accesibilidade a espazos de traballo, de estudo ou de ocio”.  “Lugo converteuse neste tempo nunha cidade máis accesible, pero temos que seguir traballando”, concluíu.

Salva Arco, que nos últimos días visitou a persoas usuarias e voluntarias de Auxilia xunto aos xogadores Edin Atic e Jhon Egbunu, reafirmou “o compromiso do CB Breogán cos colectivos lucenses e con iniciativas coma estas que poñen a a atención en necesidades e demandas que non sempre temos presentes, e que son fundamentais na vida cotiá de moitas persoas”.

A iniciativa encádrase no acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.

Melloras na accesiblidade ao Pazo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo realizou nos ultimos meses melloras na contorna do Pazo para facilitar o acceso ao recinto de persoas con mobilidade reducida, como a creación de novas prazas de aparcamento, rebaixas de beirarrúas nas paradas de autobús e unha rampa de acceso á explanada do Pazo fronte á piscina das Pedreiras. O CB Breogán tamén introduciu melloras nos espazos reservados para persoas con dificultades de mobilidade na contorna da pista.