Deputación de Lugo

O Presidente valora “fundamental para a articulación da provincia” o tramo da A-54 inaugurado polo Ministro entre Palas e Melide

José Tomé Roca
Inauguración A-54 Palas - Melide
- José Tomé Roca supervisou xunto co responsable do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, o penúltimo treito de 11,7 quilómetros desta autovía que conecta Lugo e Santiago e no que o Goberno de España investiu máis de 100M€

- “Esta infraestrutura vertebra o interior de Galicia; e parte da provincia da Coruña e parte da provincia de Lugo van a ver moi melloradas as súas relacións persoais, comerciais e de todo tipo”, explicou o mandatario provincial

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, valorou como “fundamental para a articulación da provincia” o penúltimo tramo da A-54 inaugurado este luns entre Palas de Rei e Melide polo Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente. Xunto co responsable do Goberno de España e outras autoridades, o mandatario provincial supervisou os 11,7 novos quilómetros desta autovía que conecta Lugo e Santiago e que xa están en funcionamento.


Tomé Roca recalcou os máis de 100M€ necesarios para abrir este treito, que conta cun total de seis viadutos; entre eles o de Pambre, o máis longo de Lugo con 977 metros. E cualificou de “moi positivo” o traballo que se continúa a facer para abrir o último tramo entre Melide e Arzúa neste 2025, permitindo conectar ambas cidades en 50 minutos coas mellores condicións de circulación e seguridade viaria. “Esta infraestrutura vertebra o interior de Galicia; e parte da provincia da Coruña e parte da provincia de Lugo van a ver moi melloradas as súas relacións persoais, comerciais e de todo tipo”, valorou.


Este tramo conta con seis novos viadutos, cinco deles sobre os leitos dos ríos Pambre (977 m), Furelos (312 m), Seco (310 m), Rego do Vilar (99 m) e San Xúlian (38 m); o sexto está en “Serra do Careón” (50 m). Ademais, entre Palas e Melide construíronse sete pasos superiores e catro inferiores, adaptados para o paso da fauna. 


No que ten que ver co viaduto sobre o río Pambre, próximo ao Camiño Francés, destaca a súa singularidade estrutural e construtiva, contando con 15 vanos con pila única para ambas calzadas de autovía e un vano principal de 87 metros de lonxitude. Unha distinción que pretende minimizar o seu impacto visual e o efecto barrera do terraplén que separaría as poboacións de Sambreixo e Andemil, en Palas de Rei.
 

Inauguración A-54 Palas Melide 2