A Vicepresidencia da Deputación dinamizará o espazo permacultural Lugar de Reque, en Lugo, con cursos e actividades arredor da cestería

O espazo permacultural Lugar de Reque, impulsado desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para a revitalización deste espazo público a carón do río Rato, en Lugo, desenvolverá ao longo deste ano un programa de actividades centrado no ciclo do vimbio, con cursos que abranguen a plantación de diferentes especies, a súa poda e mantemento, os coidados e conservación das varas e a elaboración de diferentes tipos de cestos.
O proxecto inclúe o coidado, recuperación e rexeneración dos vimbios da finca, onde neste comezo de ano se recolleron 30.000 varas de diferentes especies de sálix para seren utilizadas nas diferentes actividades, dirixidas a persoas interesadas na recuperación e actualización do oficio da cestería.
O programa desenvolverase no marco da permacultura, que promove a observación e coidado do territorio e da biodiversidade, o aproveitamento de recursos locais, o uso de tecnoloxía sinxela e accesible, a promoción do natural e ecolóxico frente á sociedade de consumo, o coñecemento da nosa cultura e tradicións ou o coidado da saúde e benestar persoal.
A primeira das actividades, coas prazas xa cubertas, será un roteiro de recoñecemento de plantas cesteables na contorna do río Rato que se desenvolverá o vindeiro 23 de febreiro, coa guía da cesteira Idoia Cuesta e de Xurxo López.
Ao longo do ano, desenvolveranse, en colaboración coa asociación cutlural e social Vilú, diferentes formacións orientadas á preparación do vimbio e ao manexo de diferentes tecnicas de cesteado, para a elaboración de bolsos, cestos de diferentes tipos e outros obxectos ornamentais.
Os prazos de inscrición nas actividades abriranse de forma independente, a través de convocatorias na web e nas redes sociais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
23 de febreiro
Baño de bosque e roteiro de recoñecemento de plantas cesteables
22 de marzo
Preparación de vimbio branco e ferramentas tradicionais
Días Europeos da Artesanía
31 de marzo
Bolsiños de médula
1 abril
Cestiños de médula
2 e 3 de abril
Cesto cama para mascotas de médula
4 de abril
Forrado de botellas con médula
5 de abril
Niños de médula
6 de abril
Cestería creativa
9, 10 e 11 de maio
Elaboración canistrelo
23 de maio
Cestería en espiral
6, 7 e 8 de xuño
Elaboración cesto da horta
18, 19 e 20 de xullo
Elaboración de paxe
15, 16 e 17 de agosto
Elaboración cesto mesa
13 e 14 de setembro
Xornadas de biomateriais
29 e 30 de novembro
Adornos de nadal con médula