A Vicepresidencia da Deputación apoia o silvopastoreo nos montes comunais de Outeiro, en Lugo
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación colaborará coa comunidade de montes de San Salvador de Outeiro, en Lugo, co obxectivo de reforzar o aproveitamento silvopastoril e micolóxico impulsado polos comuneiros.
O deputado Daniel García, acompañado polo concelleiro de Infraestruturas de Lugo Alexandre Penas, achegáronse este venres ata esta parroquia lucense para abordar os proxectos que desenvolverán co financiamento da área de Rural, que achegará 30.000 euros á entidade durante o 2025. O investimento destinarase á mellora dun camiño para facilitar o pastoreo rotacional do monte e ao estudo dun plan para regular e sinalizar zonas de aptitudes micolóxicas.
Daniel García e Alexandre Penas destacaron “a singularidade da comunidade de montes de Outeiro pola súa ubicación na contorna da cidade de Lugo” e valoraron “o aproveitamento multifuncional que están impulsando, que combina o uso forestal co silvopastoreo, poñendo en valor os diferentes recursos do monte e contribuíndo á prevención de incendios nas zonas rurais de Lugo, grazas á reducción da biomasa no monte"
A comunidade de montes de Outeiro, que agrupa 13 comuneiras e comuneiros, xestiona máis de 200 hectáreas de terreo, nas que se combina o uso forestal co pastoreo de gando vacún, cabalar e ovino.