Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación lanza unha nova edición do Tradigalu, que achegará a música tradicional e popular a toda a provincia

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
TRADIGALU
música tradicional
Cultura destina 350.000 euros ao programa, que contribúe ao sostemento de formacións  musicais

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha unha nova edición de Tradigalu, que levará actuacións de grupos de música tradicional, bandas e corais polas distintas comarcas ata final de ano.

A área de Cultura reforza o programa que contará cun 350.000 euros – 100.000 máis que na última anualidade - e que ten como principal obxectivo promover e difundir a música popular e tradicional, fomentando a súa presenza nas programacións musicais e culturais de asociacións e concellos.

A deputada Iria Castro destacou que “ampliamos a dotación do programa, que o ano pasado volveu ter unha gran demanda por parte das asociacións e concellos e que xenera unha parte importante da actividade das agrupacións de música tradicional, fundamentais na conservación do noso patrimonio musical”

A responsable de Cultura  lembrou que “en 2024,Tradigalu permitiu programar máis de 250 actuacións, consolidándose como unha das principais vías de apoio á celebración de festas e celebracións populares nas aldeas e parroquias das distintas comarcas, desde festas patronais ata foliadas, polavilas ou magostos”.

As asociacións e colectivos interesados poden consultar as indicación sobre o programa nesta ligazón e trasladar as súas demandas a área de Cultura a través do enderezo cultura@deputacionlugo.gal. A área de Cultura asume o 80 por cento do custo da actuación. Asociacións e concellos deben aboar aos grupos o 20 por cento restante.

Na confección do calendario de actuacións,  a área de Cultura buscará chegar a todas as comarcas, evitando a concentración en puntos concretos e prestando especial atención á conservación e fomento das tradicións.