O Presidente destaca o avance das obras da Intermodal, “unha infraestrutura clave para as comunicacións da provincia”
As obras, nas que o Goberno de España inviste un total de 22,3 M€, atópanse na fase de execución do paso inferior e na construción do novo edificio central
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este venres xunto ao Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, as obras para a construción da nova estación ferroviaria de Lugo e nas que o Goberno de España inviste un total de 22,3M€. O mandatario provincial valorou os traballos que avanzan ao bo ritmo e destacou que se trata “dunha infraestrutura clave para as comunicacións da provincia porque articula o territorio e establece unha conexión directa coa Coruña”.
"Estamos a falar dunha actuación que complementa as obras en marcha entre Ourense, Monforte e Lugo, unindo a provincia coa alta velocidade de forma directa e mellorando tanto a mobilidade de viaxeiros como o transporte de mercadorías", afirmou o Presidente.
Neste momento, as obras atópanse na fase de execución do paso inferior, que permitirá conectar as diferentes marxes da estación, e na construción do novo edificio central, que contará con modernas instalacións para os viaxeiros. Este proxecto está sendo levado a cabo sen interromper o tráfico ferroviario, grazas ao traballo de coordinación entre Adif e as autoridades locais.
“A estación intermodal de Lugo, unha vez rematada, conectará as liñas ferroviarias de alta velocidade e mellorará notablemente a accesibilidade da cidade, converténdoa nun punto clave da rede de transportes de Galicia. Ademais, a nova infraestrutura tamén facilitará a conexión coa liña ferroviaria de Lugo-Ourense, unindo de forma directa a cidade lucense coa alta velocidade”, subliñou o mandatario provincial.
Así mesmo, José Tomé valorou as numerosas actuacións que o Goberno está a levar a cabo para transformar a mobilidade lucense, que ademais da modernización da liña ferroviaria que une a cidade con Ourense ou a unión con Santiago, o Ministerio de Transportes traballa simultaneamente en dous eixos: a finalización da autovía A-54, que estará rematada este mesmo ano, e a conexión a través do tren, sobre a que esta mesma semana se adxudicou o estudo de viabilidade.
O Presidente tamén resaltou o importante investimento destinado ao mantemento de infraestruturas, como é o caso da A-6, na que vai destinar máis de 30 millóns de euros para seguir avanzando na optimización das súas medidas de seguridade mediante as reparacións do seu firme. Súmanse aos 20 millóns xa executados, polo que o Goberno superará os 50 millóns destinados ao acondicionamento desta autovía.
Actuacións de Adif na estación lucense
A nova estación de Lugo transformará a mobilidade da cidade e dará resposta ao incremento de viaxeiros pola renovación da liña Lugo-Ourense, que conecta a capital lucense coa alta velocidade. Están a investirse 22,3 M€ nunha actuación que inclúe un novo edificio de viaxeiros, a adecuación da zona de plataformas, un paso inferior mixto para uso de viaxeiros e para uso público, unha pasarela peonil e a urbanización da contorna, quedando integrada nunha praza intermodal que conectará as terminais de ferrocarril e autobús.
Na actualidade está a executarse o empurre baixo vías do paso inferior de dobre funcionalidade: acceso á plataforma central e uso como paso peonil de cidade. Esta actuación inclúe os traballos, xa realizados, do apeo das 4 vías da estación, necesarios para levar a cabo o empurre do paso inferior, construído en formigón de forma previa na zona anexa. Mediante este proceso construtivo de apeo e empurre pódense compatibilizar as obras sen interromper o tráfico ferroviario.
Ademais, unha vez demolido o antigo edificio de Correos, avanzan a bo ritmo os traballos de construción do novo edificio da Estación, coa execución da estrutura en planta baixa e planta alta.